O PP recrimina á Deputación o pago de sancións polo derrubamento da Casa da Botica

O PP de Guitiriz lembra que a Deputación de Lugo paga unha sanción de 59.001 euros polo derrubamento da Casa da Botica no ano 2021 e a execución de obras "incumprindo o deber de conservación do patrimonio".
Atendendo a un auto do xulgado contencioso-administrativo nº1 de Lugo, “o presidente do ente provincial, José Tomé, tivo que ordenar o pago dunha nova sanción derivada das accións do goberno de PSOE e BNG”. O portavoz popular, Antonio Ameijide, advirte dun “custo económico de preto de 60.000 euros dos fondos de tódolos lucenses como consecuencia das accións dun goberno e do seu presidente que cren que están por riba do ben e do mal”.
A sanción está motivada no incumprimento dos artigos:
130.a “danos irreparables en bens de intereses cultural ou catalogado e incumprimento do deber de conservación previsto no artigo 32”
130.d “a realización de calquera intervención nun ben declarado de interese cultural ou catalogado ou no seu contorno de protección ou na súa zona de amortecemento sen autorización previa da consellería”
O voceiro provincial popular, Antonio Ameijide, lamenta que “o goberno provincial buscara escusas en lugar de asumir as consecuencias dos seus actos” á vista de que "interpuxo un recurso ante a xustiza intentando demorar o pago dunha sanción aplicada correctamente. José Tomé, o PSOE e o BNG seguen a crer que están por enriba da lei” e sempre “buscan a forma de sortear a legalidade sen asumir as consecuencias das súas decisións”.
Ameijide lembra que “a esta sanción hai que sumar outros 6.000 euros a un funcionario por vetar, por orde expresa do presidente, a entrada de axentes medioambientais ao Fogar de Santa María e 2.000 pola tala das árbores neste espazo de titularidade provincial”.
“As decisións do goberno provincial de PSOE e BNG saen moi caras aos lucenses”, engade o popular. Incluso, “a prolongación no tempo das obras de construción do centro de atención a maiores de Guitiriz que debería estar en funcionamento hai xa moitos anos non só supón un prexuízo económico, senón tamén social”.
“Os veciños e veciñas de Guitiriz levan moito tempo agardando por un demandado servizo no municipio e escoitando as promesas dos gobernos municipal e provincial sobre a posta en marcha da residencia que non sabemos cando vai abrir” á vista do “lento avance das propias obras de construción”, engade Ameijide.
Ademais, “non sabemos como pode afectar a crise interna do PSOE no propio goberno da Deputación na posta en funcionamento do servizo” á vista de que “a alcaldesa de Guitiriz, que forma parte do goberno provincial, foi unha das deputadas socialistas que non acudiu ao último pleno”.
Ameijide agarda que “as leas internas do PSOE non afecte aos lucenses e, neste caso, aos veciños e veciñas de Guitiriz”.