O PP rexeita a proposta socialista para un plan estratéxico de subvencións aos concellos rurais
O deputado socialista José Manuel Pérez Seco lamentou o veto do PP a unha proposición non de Lei na que se lle pedía a Consellería de Medio Rural a “creación dun Plan Estratéxico de Subvencións que amose o compromiso coa transparencia e a igualdade de oportunidades para todos os galegos e todas as galegas”. Así o dixo no debate desta iniciativa, hoxe na Comisión de Agricultura do Parlamento.
O deputado socialista reclamou o apoio unánime a unha proposta, explicou, dirixida a “gobernar con transparencia, gobernar con xustiza e gobernar con igualdade de oportunidades”, e pedíndolle a Consellería de Medio Rural que “cumpra efectivamente coa Lei de Transparencia e Bo Goberno da Xunta de Galicia, da que tanto alarde fai”.
O representante socialista presentou unha proposta na que se lle pedía a Consellería de Medio Rural que “elaborara e publicara, no prazo de tres meses, o Plan estratéxico de subvencións da súa consellería, tal e como establece a Lei 9/2007 do 13 de xuño”.
A iniciativa incluía a publicación na web da Consellería, e no prazo dun mes, “a totalidade dos convenios asinados no 2017 cos concellos, indicando o obxecto, o prazo de execución a contía e as razóns de excepcionalidade”, segundo o previsto no artigo 15 da Lei de Subvencións de Galicia. Ademais, reclamara a publicación, a comezos de 2019, da mesma relación de axudas aos concellos pero aplicada ao ano 2018.