O PP sinala unha falta de rigor na implación da zona azul gratuíta en Vilalba
A voceira do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez, cualifica de “sen sentido” a forma de implantación da zona azul gratuíta en Vilalba porque “o goberno local non informou previamente aos veciños que seguen descoñecendo o seu funcionamento, nin onde consultalo, nin como facerse cos discos horarios nin cales son as posibles sancións, entre outras cuestións. É un despropósito e unha nova mostra da falta de rigor e de xestión por parte do goberno local socialista que xa nos ten acostumados á pouca seriedade á hora de poñer iniciativas en marcha”.
A popular sinala que “este tipo de decisións que afectan ao tráfico e á mobilidade se deben explicar con tempo e proceder á súa implantación de forma gradual para que tanto veciños como visitantes coñezan as súas condicións. Non se pode implantar unha zona azul sen máis, hai que informar previamente” e, polo tanto, “entendemos o descontento dos veciños”.
Vázquez explica que “nin todos os vilalbeses, e moito menos os visitantes, coñecen o funcionamento da zona azul en Vilalba, nin a fórmula para indicar a hora de chegada, nin como nin onde conseguir eses discos horarios. E, aínda por riba, como se reparten na Casa do Concello, aqueles que veñan a Vilalba de fóra por primeira vez e en horario distinto ao de apertura do Concello, non poderán facerse con este elemento”.
Os populares cren positivo “regular o uso do aparcamento subterráneo”, pero consideran “totalmente inútil e, incluso, contraprodutivo implantar a zona azul con límite horario tanto neste espazo municipal coma en determinas rúas de Vilalba sen contar con efectivos que poidan realizar os labores de vixilancia e control. Non hai suficientes efectivos da Policía Local, por exemplo”.
Deste xeito, “unha vez pasado o período de adaptación, non queda claro como se vai a controlar o cumprimento das condicións da zona azul se non hai efectivos suficientes”. Ademais, Vázquez explica que “non está publicada na web municipal a ordenanza reguladora do tráfico que levou a pleno a comezos deste ano o goberno local. E tampouco facilitou que os veciños coñezan esta información que inclúe as posibles sancións a aplicar polo Concello ante as infraccións das condicións da zona azul gratuíta. Aquelas consideradas leves suporán unha sanción de 80 euros”, lembra.
“Son moitas as dúbidas que ten que aclarar o equipo de goberno aos vilalbeses en relación a esta zona azul gratuíta”, engade a voceira. Os populares tamén agardan que o goberno local explique se as prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida entran na zona azul.
Alternativas para aparcar
Ante o peche dunha parcela privada que servía de aparcamento para moitos vehículos entre as rúas Guitiriz e Alcalde Fraga Bello con saída pola rúa Ribadeo, os populares convidan ao goberno local a buscar alternativas que permitan cubrir ese número de prazas de aparcamento na zona. “Non podemos dificultar aos veciños do rural e doutros concellos que veñan a Vilalba”, defende a voceira.