O PP solicita á Deputación que invista nos xeodestinos
O Grupo Provincial do PP presenta unha iniciativa para o Pleno do vindeiro martes na que solicita que a Deputación de Lugo asuma a parte económica que teñen que poñer os concellos para o funcionamento dos xeodestinos; o de Lugo-Terra Chá-Sarria, o de Ancares-O Courel e os da Mariña e Ribeira Sacra.
Os populares explican que a normativa turística de Galicia contempla a figura dos xeodestinos, que teñen por obxecto mellorar a promoción turística da provincia, grazas á colaboración e posta en común dos esforzos que neste ámbito realizan os distintos concellos agrupados. Ao mesmo tempo, esta figura permite acceder ás axudas directas e convenios de colaboración que para este fin dirixe cada ano a administración autonómica a través de Turismo de Galicia.
A Xunta completa o mapa turístico lucense
Así, en novembro de 2017 a provincia de Lugo completou o seu mapa turístico e contará definitivamente con dous novos xeodestinos, o de Lugo-Terra Chá-Sarria e o de Ancares-O Courel. Deste xeito, a Xunta de Galicia, promotor da creación desta figura, cumpre co obxectivo de completar o novo mapa turístico lucense, que comprenderá ao cen por cen a totalidade do territorio da provincia, ao sumarse os dous novos aos xeodestinos da Mariña e da Ribeira Sacra.
Os populares consideran que hai que ter en conta que unha das principais competencias das deputacións provinciais é a asistencia económica aos municipios, especialmente a aqueles de menos capacidade económica e de xestión. Así o establece a Lei 7/1985, de 2 de abril, reguladora das bases de réxime local no seu artigo 36.1.b): “A asistencia e cooperación xurídica, económica e técnica aos Municipios, especialmente os de menor capacidade económica e de xestión (…)”; e no seu artigo 36.1.d): “A cooperación no fomento do desenvolvemento económico e social e na planificación do territorio provincial, de acordo coas competencias das demais Administracións Públicas neste ámbito”.
Polo tanto, e tendo en conta que os concellos deben poñer unha cantidade económica para o funcionamento da mancomunidade ou consorcio que xestiona os xeodestinos, desde o Grupo Provincial Popular solicitan que a Deputación Provincial de Lugo asuma a contía que deberían costear os concellos, para o que esperan contar co apoio da Corporación.
Un sector estratéxico
O Grupo Provincial do PP presenta esta iniciativa tendo en conta que o sector turístico “é absolutamente estratéxico e prioritario na nosa provincia e entendendo ademais que se trata dun bo mecanismo para loitar contra a despoboación e para, dende os concellos, dar oportunidades de emprego aos nosos veciños e veciñas”.
“A provincia de Lugo é un lugar fantástico que vale a pena recorrer, dun extremo a outro, dado a enorme beleza da súa paisaxe, patrimonio cultural, histórico, artístico e as súas grandes extensións de praias, todos elos atractivos turísticos nada desdeñables”, apuntan.
Así, os populares cren que desde as administracións públicas “debemos saber implementar o noso potencial cunha estratexia que consolide a nosa posición coa finalidade de que as actividades turísticas sigan creando actividade económica, riqueza e o que é máis importante; emprego”.