O PP solicitará da Deputación un incremento dos orzamentos para mantemento das súas estradas

TerraChaXa
O Grupo Provincial do Partido Popular pide que o Goberno da Deputación de Lugo incremente a partida que se dirixe nos Orzamentos deste ano á conservación da rede viaria de titularidade do organismo lucense.
31 Mar 2018

O Grupo Provincial do Partido Popular pide que o Goberno da Deputación de Lugo incremente a partida que se dirixe nos Orzamentos deste ano á conservación da rede viaria de titularidade do organismo lucense. A través dunha moción, que se debaterá no Pleno do vindeiro martes, os populares esixen o compromiso do executivo socialista para que se destine unha maior achega económica á conservación do conxunto da rede viaria provincial con cargo aos primeiros remanentes que se xeren do exercicio anterior e que non estean comprometidos, de modo que se incorporen ás contas de 2018.

En reiteradas ocasións os populares expuxeron que a conservación das estradas que vertebran o territorio lucense debe ser un dos acometidos primordiais da Deputación de Lugo e máis “cando moitas destas vías son o principal enlace de comunicación entre os núcleos pobacionais da provincia”. En concreto, dende o Grupo Popular precisan que traslada de novo á sesión plenaria unha demanda dos lucense que esixen unha maior sensibilidade por parte do organismo provincial para que as estradas reúnan as condicións axeitadas para a circulación dos vehículos.

Deste xeito, o PP pide ao Goberno socialista a mesma sensibilidade dende a responsabilidade que ocupa que a que “manifestou en reiteradas ocasións á hora de pedir o arranxo de estradas de titularidade doutras administracións públicas. En Pleno aprobáronse iniciativas nas que instábamos a outras institucións ao arranxo das vías da súa competencia, polo que consideramos que o compromiso debe ser o mesmo por parte da Deputación de Lugo, sendo necesario e imprescindible que a institución lucense reforce e incremente fondos e recursos para a conservación da rede viaria provincial”.

Os populares precisan que a Deputación de Lugo é a institución responsable de realizar os labores tanto de conservación ordinarias como de mantemento dos máis de 4.000 quilómetros da rede viaria provincial, a máis extensa de España. Así, dende o Grupo Provincial do Partido Popular “canalizamos de xeito continuado as solicitudes tanto de veciños como de asociacións e de entidades locais sobre a necesidade de que se desenvolvan en estradas provinciais, tanto actuacións de conservación e mantemento, como de mellora ou ampliación”.

O traballo promovido polo Grupo Popular, tal e como lembran dende o PP, supuxo un pulo determinante para que nesta lexislatura se aprobase, por unanimidade, o Plan Extraordinario de Rehabilitación de Firmes de Vías Provinciais 2017-2019, tras unha iniciativa rexistrada polos populares e cuxo plan finalmente se desenvolveu froito do consenso dos tres Grupos con representación na Deputación.

 

Deste xeito, unha vez acadado e posto en marcha dito plan, “que non consideramos suficiente, pero si unha base fundamental”,-precisan dende o PP-, “pedimos un maior esforzo inversor nos labores de conservación das estradas provinciais, un acometido prioritario na Deputación para garantir en condicións a circulación pola rede viaria da Deputación”.

 

0.10655879974365