O PP urxe a reparación da estrada de Mondoñedo á Cruz da Cancela
O PP asegura que unha das estradas en mal estado da provincia é a LU-P 3103, en Mondoñedo. O portavoz popular na Deputación, Javier Castiñeira, insta ao goberno provincial a desenvolver canto antes as xestións necesarias para amañar o firme desta vía.
Castiñeira sinala: “Mentres o señor Tomé está máis preocupado pola súa cadeira, tanto no PSOE como nas institucións, no grupo provincial do PP seguimos a recorrer a provincia, pisando as súas estradas. Nesta ocasión desprazámonos co alcalde de Mondoñedo, Manuel Otero, a visitar unha vía provincial que, como moitas outras, está en mal estado. Trátase da LU-P 3103, de Santa María a Maior á Cruz da Cancela; comunica Mondoñedo con concellos como Pastoriza, Meira e Riotorto”.
Os populares destacan que debido ao mal estado desta vía hai moitas queixas dos veciños e tamén dende o transporte escolar. Castiñeira di: “Esta vía, especialmente en dous puntos, está moi perigosa. De feito, xa a levamos un rogo ao pleno de novembro para que se executase a súa reparación, e vemos como o señor Tomé, como delegado de Vías e Obras, aínda non fixo absolutamente nada para solucionar o problema”.
O alcalde de Mondoñedo informou a Castiñeira de que enviou un escrito á Deputación, avisando de que a vía está chea de grande fochancas. O grupo provincial do PP reclama “que a Deputación arranxe cantos antes o firme desta vía, que non espere a que haxa un accidente”.
A LU-P 3103 é, di Castiñeira, “unha estrada máis das que xeran queixas polo mal estado da rede viaria provincial; é unha demostración máis da falta de xestión por parte do equipo de goberno, dun delegado de Vías e Obras inexistente, despreocupado dos problemas dos lucenses, da súa calidade de vida”. Espera “que non tarde moito máis en amañar esta estrada posto que neste tempo, en inverno, está aínda máis perigosa”.