O PP urxe o arranxo das vías peonís de Ribadeo
O Partido Popular de Ribadeo urxe ao Concello a arranxar de forma inmediata e a realizar o mantemento das rúas peonís do núcleo urbano. Os populares diríxense así publicamente ao Goberno local, logo de que fosen varias as queixas que recibiron dos veciños e veciñas debido a que estas vías “están cada vez peor”, segundo indica a coordinadora de comercio e relacións coas asociacións do PP ribadense, Marta Saiz, que cita, por exemplo, a rúa Reinante, Rodríguez Murias, Villafranca del Bierzo ou San Francisco.
Debido a que o empedrado desta zona, que rexistra un elevado tránsito ao ser onde se concentra a zona comercial da vila, está solto “xa se produciron varias caídas”. Polo tanto, a falta de mantemento do chan das rúas peonís ribadenses supón “un risco para os viandantes -especialmente para as familias con nenos e nenas ou persoas con mobilidade reducida- e prexudica aos negocios do centro da vila”, engade.
Dende a formación popular sinalan que “sempre manifestamos a nosa vontade de facer unha oposición construtiva e iso é o que pretendemos con esta proposta. Trasladar aos dirixentes locais o que realmente demandan os veciños e veciñas de Ribadeo”. É, por iso, que Saiz agarda que o rexedor “non faga caso omiso da nosa petición que, insisto, non é máis que a dos ribadenses”.