O PP de Vilalba denuncia o mal estado das pistas reformadas no 2025

O PP de Vilalba denuncia a situación lamentable na que se atopan as coñecidas como pistas “Low Cost” de Marta Rouco e Modesto Renda nas parroquias de Nete, Árbol e Carballido, unhas vías que foron reformadas no ano 2025 e que, a día de hoxe, presentan un estado claramente deplorable.
Dende o PP de Vilalba critican que esta situación é unha mostra máis da mala xestión do bipartito municipal, que “actúa sen planificación, sen criterios técnicos e guiándose unicamente por intereses partidistas á hora de arranxar as vías do rural”. Os concelleiros populares insisten nas pistas de Nete, Árbol ou Carballido como exemplos claros dunha forma de gobernar “improvisada e ineficaz, na que as obras non chegan nin a aguantar unha lexislatura completa”.
Desde o Grupo Popular “consideramos unha auténtica tomadura de pelo gastar os cartos públicos deste xeito, en actuacións mal executadas, sen control e sen garantir unha mínima durabilidade, mentres moitas vías de comunicación fundamentais para os veciños e veciñas do rural seguen abandonadas e nun estado lamentable”.
Ademais, denunciamos que o goberno local está a realizar reformas “á carta”, priorizando vías de titularidade municipal que dan servizo a cargos socialistas, como sucede na parroquia de Mourence, mentres se desatenden camiños e pistas que utilizan a diario numerosos veciños para acceder ás súas vivendas, explotacións e servizos básicos.
Desde o Grupo Popular de Vilalba “esiximos unha planificación seria, transparente e baseada no interese xeral, así como explicacións sobre o uso dos fondos públicos e sobre a execución destas obras que, apenas uns meses despois de seren reformadas, xa presentan graves deficiencias”.