O PP vilalbés acusa ao Goberno local de "deixadez" no mantemento das infraestruturas

TerraChaXa
Os populares condenan que “o goberno local non foi capaz de arranxar o auditorio municipal a pesar de que non supón un investimento elevado, pero si gastaron 18.000€ no mobiliario da Alcaldía"
estado-auditorio-de-vilalba
6 Oct 2025

Os concelleiros do Partido Popular inciden na “absoluta deixadez” por parte do bipartito en relación á conservación dos edificios de titularidade municipal herdados dos anteriores gobernos municipais á vista de que “non son capaces de arranxar as deficiencias do auditorio municipal a pesar de que non supón un investimento excesivamente elevado”, como o propio goberno local vén de anunciar.

“Fronte a unhas actuacións de 18.000€ que non foron capaces de acometer no auditorio municipal para garantir a súa conservación e, especialmente, a seguridade dos usuarios; si foron capaces de gastar outros 18.000€ na renovación do mobiliario da alcaldía, 17.000€ polo servizo de comunicación para facer fotos á alcaldesa ou 15.000€ en postais”, critican dende o PP vilalbés.

Os populares subliñan as “diferencias entre as concellerías de ambas partes do goberno municipal bipartito” -como a área de Cultura que xestiona Vilalba Aberta e a área de Obras que xestiona o PSOE- que se evidencian “no desastroso mantemento das infraestruturas municipais”.

Dende o Grupo Municipal Popular xa teñen advertido que “a falta dun mantemento apropiado” por parte do goberno local de forma regular supón o deterioro e abandono das infraestruturas.

Así, advirten que “os únicos prexudicados polas diferenzas entre áreas de goberno e a mala xestión do bipartito somos os vilalbeses”.

Deste xeito, sería preciso que o goberno local vilalbés realizase un estudo para contar cunha planificación axeitada á hora de realizar investimentos “segundo as necesidades e prioridades existentes” para así poder garantir que exista un equilibrio de gasto á vez que se manteñan en bo estado de conservación os inmobles para garantir o seu uso por parte de todos os vilalbeses e vilalbesas.

Dende o Grupo Municipal Popular explican que se trata de dar prioridade e poñer en marcha políticas para mellorar a vida de todos os veciños de Vilalba, en lugar de gobernar unicamente pensando en obter réditos políticos. “Precisamente non fan o que sempre reclamaron cando estaban na oposición”.

⚙ Configurar cookies
0.10045504570007