O PP vilalbés afea ao goberno municipal o retraso na concesión das axudas a asociacións

TerraChaXa
A portavoz do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez, foi crítica con esta tardanza: “a mala xestión do goberno sófrena os veciños”.
sandra vazquez pp xestora_portada
30 Out 2021

A portavoz do Grupo Municipal Popular, Sandra Vázquez, foi crítica con esta tardanza: “a mala xestión do goberno local sófrena os veciños de Vilalba”. Afirma que o goberno local non respondeu aos populares se completará os 40.000 euros que faltan para alcanzar os 90.000 do ano pasado á Fundación Hospital Asilo con outra partida correspondente ás cinco prazas conveniadas de centro de día.

“O goberno local de Vilalba tardou 10 meses en publicar e convocar as axudas a asociacións” de forma que “son os veciños os que sofren a súa falta de xestión e de organización. Estivo máis preocupado en resolver os seus problemas internos que de apoiar aos vilalbeses”.

Os populares son moi críticos coa tardanza na publicación das subvencións nominativas a entidades e colectivos para as que se aprobou o crédito este venres, igual que as subvencións a autónomos e pequenas empresas afectados pola covid-19 publicadas no BOP deste xoves ou as subvención a asociacións en réxime de concorrencia competitiva publicadas no BOP de hoxe. “Chegan tarde, mal e arrastro”; xa que só quedan dous meses para que as asociacións poidan xustificar os gastos e, polo tanto, chegar a cobrar estas axudas”, condenan.

“O tecido asociativo do noso concello tivo que agardar 10 meses a que o PSOE se puxera de acordo con Vilalba Aberta, despois de romper unilateralmente o seu pacto de goberno, para outorgar as subvencións aos colectivos vilalbeses”. Así o sinalou Sandra Vázquez, que exerceu por primeira vez como voceira do Grupo Municipal Popular no pleno extraordinario deste venres convocado con 18 horas de antelación que considerou “con moita urxencia e pouca transparencia”; cando “a relación nominal de subvencións se debería abordar nalgún dos plenos ordinarios aos que o goberno local non leva nada”.

A voceira popular, que destacou “o gran labor de tódalas asociacións”, recordou, no ámbito social, o traballo realizado durante a pandemia pola Fundación Hospital Asilo de Vilalba, que só recibirá 50.000 euros. A pesar de que preguntou se os 40.000 que faltan para equiparar a cantidade coa recibida o ano pasado, 90.000 euros, se concederá a través doutro tipo de axuda coma a dirixida a sufragar as prazas concertadas de centro de día, “o goberno socialista non respondeu a esta cuestión que continúa no aire. O Partido Socialista de Vilalba, co consentimento de Vilalba Aberta, ten pouco de social”, considera Vázquez.

Axudas covid e en réxime de concorrencia competitiva

As axudas a autónomos e pequenas empresas para paliar os efectos da covid-19 sobre a súa actividade foran aprobadas no pleno de xaneiro; pero “aínda foron publicadas as bases no día de onte e, polo tanto, quedan aínda varias semanas para que as reciban”.

Vázquez lamenta que “cheguen tarde” para axudar aos que “se levantan cada día para abrir o seu negocio e dar de comer á súa familia” e que “sufriron o peor da pandemia nos primeiros meses deste ano”.

O mesmo se pode aplicar ás axudas en réxime de concorrencia competitiva dirixidas ás asociacións porque “a falta de axilidade do goberno dificultará que os colectivos só dispoñan de dous meses para xustificar as actuacións materia da subvención”.

Toma de posesión de Eduardo Vidal

Os populares lamentan que “a toma de posesión de Eduardo Vidal como concelleiro socialistas se produza nun pleno extraordinario” porque evidencia que “o PSOE está más preocupado pola incidencia dos asuntos internos do seu partido que en gobernar para os veciños”. Como xa teñen manifestado, trátase dunha “volta ao pasado que se produce trala liorta entre os históricos socialistas e os máis novos”. Despois da dimisión de Rodrigo Pavón, “o PSOE fixo renunciar a oito persoas da súa acta de concelleiro para permitir a entrada de Eduardo Vidal cando el mesmo manifestara que se retiraba da política activa: vaia cambalache”.

0.16089606285095