O PP vilalbés cualifica de "desastre" a obra da rúa da Pravia tras unha caída

TerraChaXa
Os concelleiros lembran que “o goberno local gastou 1 millón de euros nun proxecto de humanización que require constantes reformas para corrixir deficiencias
lastra-solta-rua-da-pravia
11 Sep 2025

Os populares cren que “a rúa da Pravia pode servir para definir a xestión do bipartito en Vilalba: un desastre”. Dende o PP vilalbés subliñan que “o principal legado do PSOE e Vilalba Aberta será a desfeita desta céntrica rúa”.

Os populares volven incidir no mal estado do pavimento e empedrado da rúa da Pravia tras rexistrarse unha nova caída debido á existencia de lastras soltas despois de ser sometida recentemente a unha nova obra de reparación. “A pesar de que segue caendo xente -xa sexa por deficiencias no pavimento como por acumulación de chuvias-, rexistrando distintos problemas e, mesmo, que os dous integrantes do goberno bipartito tomaron decisións distintas con respecto ao sentido do tráfico na rúa, continúan a negarse a recoñecer a súa nefasta xestión na rúa da Pravia”.

Os concelleiros do PP lembran que “o goberno vilalbés decidiu gastar 1 millóns de euros de fondos públicos nun proxecto que se presentaba como un gran bulevar con acabados que ían mellorar as beirarrúas”; pero “a realidade dista moito do prometido proxecto de humanización”. De feito, “o goberno local tivo que facer parches para tratar de arranxar deficiencias: corrixir parches na calzada con formigón, instalar badéns redutores da velocidade, corrixir desniveis que producían caídas entre os viandantes, etc.”.

Dende o PP condenan os numerosos cambios que “custaron diñeiro de tódolos vilalbeses, pero non melloraron nada: nin a circulación nin a vida social e, moito menos, a comercial”. E enumeran: “primeiro pecharon ao tráfico nun sentido facéndoa unidireccional e despois gastaron outros 11.000 euros para xustificar a promesa electoral de Vilalba Aberta mediante un estudo que contradicía o estudo presentado anteriormente polo PSOE co que se cambiou o sentido unidireccional do tráfico rodado nesta rúa”.

Os populares inciden nos prexuízos que xerou para o comercio vilalbés as interminables obras, a unidireccionalidade e, posteriormente, o cambio de sentido. E subliñan tamén “o caos que supón para a mobilidade a unidireccionalidade desta rúa” ao tratarse da principal arteria de comunicación: “parten Vilalba”.

⚙ Configurar cookies
0.12684297561646