O PP e Vilalba Aberta piden un incremento da subvención ao Vilalba FS en senllas mocións

TerraChaXa
O PP e Vilalba Aberta propoñen que o Concello incremente a subvención ao Vilalba FS para facer fronte aos custes da nova temporada.
amistoso vilalba fs feminino xuvenil
27 sep 2022

Os populares teñen rexistrado outras iniciativas de cara ao pleno do vindeiro xoves: varios rogos e preguntas e dúas mocións.

Os populares de Vilalba xa teñen anunciado a defensa dunha proposta para que o Concello desenvolva unha campaña de apoio ao pequeno comercio para dinamizar e reactivar o sector; pero tamén teñen rexistrado outras dúas mocións e varios rogos e preguntas de control ao goberno socialista.

Tras manter unha reunión con representantes do Club Vilalba Fútbol Sala, os populares levan ao pleno unha moción para instar ao Concello de Vilalba a incrementar a subvención nominativa ata un importe mínimo de 30.000 euros ao Club Vilalba Fútbol Sala para facer fronte aos custes da tempada 2022/2023 na Segunda División B á que logrou ascender o equipo sénior masculino.

Os populares agardan lograr o apoio dos grupos da corporación de cara a súa aprobación tendo en conta que “este éxito, que responde ao esforzo e traballo do equipo, supón un fito histórico do que nos sentimos orgullosos e que, ademais, contribuirá a levar o nome de Vilalba fora das nosas fronteiras”. Os populares consideran, polo tanto, que “resulta necesario e totalmente xustificable reforzar o apoio a este equipo co fin de colaborar e impulsar a continuidade da súa exitosa traxectoria”.

A voceira, Sandra Vázquez, lembra tamén que “o club non só desenvolve un labor deportivo, senón tamén social” porque se encarga de impartir as sesións de fútbol sala nas categorías alevín, infantil e cadete das Escolas Deportivas do Concello de Vilalba que pretenden apoiar e promocionar o deporte base.

Pola súa banda, o concelleiro de Vilalba Aberta apunta que “debido ao gran aumento de nenas e nenos en Vilalba que apostan pola práctica do fútbol sala como primeira actividade deportiva, estamos obrigados a dispoñer de máis equipos, adestradores e en definitiva máis recursos para aspirar a ter unha formación de xogadoras e xogadores o máis ampla posible”.

Modesto Renda instou á Alcaldesa a asumir dunha vez os seus compromisos co fin de que o Concello reforce o seu apoio económico e institucional e se poña “á altura do espectacular crecemento a nivel formativo, competitivo e de valores do clube".

Orzamentos municipais 2023

Os populares tamén queren debater no vindeiro pleno outra moción dirixida a instar ao Concello de Vilalba a convocar a reunión da comisión de facenda, de maneira urxente e inmediata, para a elaboración dos orzamentos do vindeiro ano e poder atallar as novas esixencias que se derivan da actual situación económica.

“O que o Grupo Municipal Popular considera unha ferramenta imprescindible para o desenvolvemento de calquera proxecto dun goberno, para o propio goberno local non ten o é” porque a propia concelleira ten manifestado que cadrar as contas dun Concello ten pouca importancia”, sinala a voceira.

A popular lembra que “estamos a finais de setembro do 2022 e o actual equipo de goberno do PSOE foi incapaz de presentar ningún proxecto de orzamento municipal nin para o ano 2020, nin para o 2021 nin para o o actual ano en curso”. É dicir, “os socialistas está gobernando cunhas contas aprobadas polo PP e ás que votaran en contra. Durante diferentes sesións plenarias o grupo municipal do Partido Popular preguntaba por dita cuestión e a contestación por parte do equipo de goberno era sempre a mesma: moitas promesas, pero todas incumpridas”.

Vázquez sinala que “Vilalba leva preto de 40 meses sen uns orzamentos actualizados; a pesar de que no ano 2020 a pandemia da covid-19 mudou as prioridades económicas das administracións públicas; no 2021 os esforzos debían ir dirixidos á recuperación económica e no 2022 temos que facer fronte á subida xeneralizada dos prezos sen que o goberno do PSOE pareza querer darlle prioridade ás contas municipais”.

Os populares son conscientes dos “tempos excepcionais que estamos a vivir polas que a sociedade demanda respostas ás novas esixencias”. Nese sentido, “cremos que debemos poñer por riba dos intereses partidistas os intereses dos vilalbeses e chegar a un acordo que permita sacar adiante os orzamentos municipais do 2023 co apoio dos tres grupos da corporación”.

vilalba aberta fs
pp vilalba fs
0.20533895492554