O PP vilalbés segue a queixarse dos problemas de goteiras no pavillón
O PP de Vilalba denuncia “moita foto, pero pésima xestión” en materia de obras por parte do goberno de Marta Rouco á vista de que “continúan os problemas de goteiras no pavillón municipal” trala renovación da cuberta o pasado verán cun investimento duns 75.000 euros.
Os populares advirten que “está chovendo dentro dunha das instalacións deportivas municipais máis empregadas” co conseguinte “perigo para os seus usuarios, principalmente, clubs deportivos de Vilalba”. Así mesmo, engaden que “volve repetirse a situación de fai dous anos provocou a suspensión dun partido de fútbol sala”.
Os populares condenan que “o goberno bipartito non sexa capaz de arranxar o problema das goteiras do pavillón municipal de forma que se garanta o seu uso con normalidade, a pesar de que a alcaldesa presumía da obra de arranxo do pavillón”. De feito, dicía textualmente que eran uns traballos “moi importantes que servirían para poñer fin aos problemas que temos no inverno coas filtracións de humidade, provocando nos días de máis choiva goteiras nunha instalación moi utilizada polos clubs deportivos de Vilalba”.
Os concelleiros do PP lamentan que, unha vez máis, “os verdadeiros problemas e necesidades das infraestruturas municipais de Vilalba seguen sen cubrirse”. Nese sentido, condenan “a política de inversión en obras faraónicas que non son expresamente necesarias -como o arranxo da Casa do Concello, a humanización da rúa da Pravia ou a substitución do parque acuático por piscinas exteriores-, mentres que para as obras verdadeiramente necesarias como a cuberta do pavillón se realizan pequenas obras para "parchear" o estado do edificio que segue sen ter unha verdadeira solución os problemas de goteiras”.
A xestión das obras do goberno de Marta Rouco é “un despilfarro absoluto”, inciden os populares, porque “gastan, pero non solucionan os problemas do día a día dos veciños e veciñas de Vilalba”.