O PP volve reclamar explicacións a Morandeira sobre os cobros vinculados á súa viaxe a Portugal

TerraChaXa
José Manuel López Rodríguez sinala que “unicamente no pleno da Deputación de Lugo”, a alcaldesa realizou algún tipo de comentario, insinuando que se conectou de maneira telemática á reunión da xunta de goberno
FOTO-RP-PP-Guitiriz-denuncia-alcaldesa
27 Feb 2026

Os concelleiros do PP de Guitiriz denuncian que, tras haber pasado varios días despois de facer públicas as posibles irregularidades cometidas pola alcaldesa, “Marisol Morandeira continúa sen ofrecer ningunha explicación á veciñanza”.

O voceiro popular, José Manuel López Rodríguez, recorda que o pasado luns "puxemos en coñecemento uns feitos de extrema gravidade, entre eles unha posible falsidade documental e o cobro de dietas por asistencia en dous lugares distintos ao mesmo tempo, separados por centos de quilómetros".

Uns feitos que, de confirmarse, explica, "suporían unha falta de respecto absoluta á institución e aos veciños de Guitiriz, así como unha vulneración da legalidade vixente".

“Lonxe de dar a cara e aclarar o sucedido, Marisol Morandeira semella máis preocupada por atopar unha escusa que lle permita xustificar o inxustificable que por asumir a súa responsabilidade política. O silencio mantido ata o de agora non fai máis que incrementar as dúbidas”, denunciou.

Ademais, José Manuel López Rodríguez sinala que “unicamente no pleno da Deputación de Lugo”, a alcaldesa realizou algún tipo de comentario, insinuando que se conectou de maneira telemática á reunión da xunta de goberno de Guitiriz do 10 de decembro de 2025, a pesar de non figurar este extremo na acta da sesión, acta referendada na seguinte xunta de goberno.

Pero, no caso de ser certo ese extremo, “esiximos que presente probas que o acrediten de maneira clara e verificable, tendo en conta que nesas datas se atopaba fóra do territorio nacional, polo que tampouco podería participar da reunión da xunta de goberno”.

Por outra banda, tamén lles resulta sorprendente que, a pesar de que a viaxe tivo unha duración de tres días, non se procedese ao nomeamento dun alcalde accidental, tal e como establece a lexislación vixente cando o alcalde-presidente se ausenta do municipio por máis de 24 horas. “Marisol Morandeira tamén debería de explicar por que vulnerou esta normativa tamén”, explicou.

"Do mesmo xeito, preguntámonos por que o secretario municipal non actuou de motu propio para garantir o cumprimento da legalidade e a normalidade institucional, nomeando un alcalde accidental", engaden.

Desde o Partido Popular de Guitiriz reiteran unha esixencia de transparencia, responsabilidade e respecto ás institucións. “Os veciños de Guitiriz merecen saber a verdade e recibir explicacións claras e documentadas. Non é admisible que, ante feitos desta gravidade, a resposta sexa o silencio”, criticou.

0.14042091369629