O PPdeG reclama a Sánchez que rebaixe a protección do lobo

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Os populares recordan que España, xunto a Irlanda, foi o único país que se opuxo á rebaixa do nivel de protección da especie
pp-visita-finca-cabalos-vilalba
10 Nov 2024

O Partido Popular de Galicia reclama a Pedro Sánchez que deixe de dar as costas a Europa e aos gandeiros galegos rectificando a súa postura sobre a protección do lobo e permitindo o control cinexético da especie para así garantir a supervivencia do sector primario de Galicia.

Desde a formación recordan que España –xunto a Irlanda– foi o único país que votou en contra de rebaixar o nivel de protección do lobo de “estritamente protexido” a unicamente “protexido” no Consello Europeo do pasado 25 de setembro. Un voto co que, consideran os populares, o Goberno de Pedro Sánchez e Teresa Ribera quedou “absolutamente illado” en Europa.

O eurodeputado Adrián Vázquez e o coordinador de Medio Rural do PPdeG, Avelino Souto, abordaron esta cuestión durante unha visita a unha explotación gandeira de equino e bovino na Serra do Xistral, en Vilalba –Finca Enxebreza, propiedade de Xabier Paz–, na que reclamaron “un control cinexético do lobo para axudar aos gandeiros galegos a evitar as perdas económicas ou o peche das súas explotacións como consecuencia dos ataques constantes do lobo”.

Esta precisamente é a liña que defenden a maioría dos países europeos e a propia Comisión para facer fronte ao problema de sobrepoboación do lobo. Un problema que afecta especialmente a Galicia, onde unhas 2.800 reses pereceron o pasado ano a consecuencia dos ataques dunha especie que no PPdeG consideran “non está en perigo de extinción, senón en expansión”.

Adrián Vázquez, ante esta situación, anuncia que proporá no Parlamento Europeo a reapertura e actualización da Directiva Hábitats comunitaria, que non se modificou desde 1992, como “condición indispensable para controlar mellor a presenza do lobo no noso territorio”.

0.18834686279297