O prazo para as axudas de forestación remata o 22 de xaneiro

TerraChaXa
Ata o vindeiro día 22 deste mes de xaneiro permanecerá aberto o prazo de presentación de solicitudes para concorrer ás axudas para a creación de superficies forestais que xestiona a Consellería do Medio Rural e que nesta última convocatoria están dotadas cun total de 8 millóns de euros.
1
14 Xan 2020

Ata o vindeiro día 22 deste mes de xaneiro permanecerá aberto o prazo de presentación de solicitudes para concorrer ás axudas para a creación de superficies forestais que xestiona a Consellería do Medio Rural e que nesta última convocatoria están dotadas cun total de 8 millóns de euros. 

Estas axudas destínanse á creación de superficies forestais con especies de coníferas e frondosas. Os beneficiarios son as sociedades de fomento forestal (Sofor), os propietarios particulares de forma individual, as asociacións e agrupacións de propietarios particulares formalmente constituídas e inscritas no Rexistro de Asociacións da Xunta de Galicia, as cooperativas agrarias, os proindivisos, os montes de varas, abertais, de voces, de vocerío e fabeo, as comunidades de bens, as entidades locais, outras persoas xurídicas e as comunidades de montes veciñais en man común.

As actuacións que poden ser obxecto de subvención son os gastos de plantación forestal e de área de defensa contra incendios forestais, que inclúen os necesarios para o tratamento da vexetación preexistente, a preparación previa do terreo, adquisición de planta, así como os de plantación propiamente dita e a zona de defensa fronte o lume. Tamén, as infraestruturas de acompañamento e obras complementarias.

Novidades

Entre as novidades desta convocatoria cómpre destacar que se amplían as especies frondosas que poden ser obxecto de axuda, pasando de dez a 21. Ademais, permitirase forestar con coníferas e frondosas os terreos ocupados por eucalipto con diámetro normal medio inferior a 10 cm. e deste xeito incentivar o cambio de especie nesas zonas (especialmente aquelas áreas de rebrote de pequenos eucaliptos, sobre todo en terreos afectados por incendios). 

A maiores, foméntase a creación de novas masas de piñeiro do país mediante repoboacións de alta calidade xenética, é dicir, co uso de plantas da categoría máis alta nesta materia. Así mesmo, redúcense e flexibilízanse os requisitos de superficie mínima de actuación para poder acceder ás axudas. Neste sentido, por exemplo, rebáixase o mínimo establecido para as agrupacións e Sofor, que na anterior convocatoria era de tres hectáreas e agora para a ser de tan só unha hectárea. Isto facilítalles o acceso ás axudas a este tipo de entidades. Por último, promóvense actuacións de cambio de especie nos terreos ocupados por especies invasoras, como a acacia negra, a mimosa e/ou a falsa acacia.

O director xeral de Planificación e Ordenación Forestal salientou que esta convocatoria de axudas é a quinta das correspondentes ao Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) 2014-2020. Nas catro anteriores, grazas a estas subvencións actuouse nunha superficie total de algo máis de 10.500 hectáreas, cun importe global de 18,6 millóns de euros e 525 beneficiarios.

Primas de mantemento

Por outra banda, José Luis Chan lembrou tamén que o DOG publicou o pasado día 2 de decembro outra orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocaban para 2020 as axudas das primas de mantemento das forestacións. Estas achegas están dotadas cun orzamento total de 1,8 millóns de euros para o período 2020-2022 e os seus beneficiarios serán unicamente os titulares de plantacións forestais con subvencións xestionadas pola Xunta antes do 31 de decembro de 2019 ao abeiro das ordes de axudas para a reforestación e a creación de superficies forestais correspondentes aos anos 2016, 2017 e 2018, e que soliciten as achegas previstas nesta orde.

Estas primas teñen como finalidade contribuír ao coidado, mantemento e demais traballos forestais posteriores á plantación, financiando os traballos mediante unha prima de mantemento anual nos primeiros anos de existencia das plantacións realizadas.

Por último, o director xeral destacou tamén que a Consellería vén de convocar un procedemento aberto para a contratación de 16 obras de recuperación do potencial forestal danado por incendios forestais. Suporán un investimento de 3,38 millóns de euros e o prazo de presentación de licitacións prolongarase ata o vindeiro 28 de xaneiro.

0.39072012901306