O pregoeiro da XLI MOEXMU de Muimenta será Ricardo José Durán Rodríguez
A XLI MOEXMU de Muimenta, que se celebrará os vindeiros 4, 5 e 6 de abril do 2025, xa ten pregoeiro: Ricardo José Durán Rodríguez.
Este profesional, nado en Ferrol no ano 1975, é licenciado en Dereito pola Universidade da Coruña. Especializado en Dereito Administrativo, durante 8 anos (2001-2009) exerceu como profesor de Dereito Administrativo no grupo Academia Postal, no seu centro de Santiago de Compostela, polo que pasaron miles de alumnos, moitos dos cales ao día de hoxe ocupan cargos de relevancia na Xunta de Galicia.
Tras este período, foi asesor de Vicepresidencia da Xunta de Galicia durante 4 anos e medio (2009-2013), sendo unha das súas funcións a supervisión da Fundación Semana Verde de Galicia, entidade que pasou a dirixir en decembro de 2013, polo que se fan 11 anos desde aquela data.
Ademais de solucionarse problemas históricos do recinto (débedas coa empresa construtora do recinto e co Concello de Silleda), desde a súa chegada ao posto de director os números da Fundación cambiaron totalmente. Así, por exemplo, a facturación da entidade feiral pasou de 1,7 millóns de euros en 2013 a 4,3 millóns en 2023, o que supuxo un 153 % máis de facturación.
Tamén respecto a hai unha década, o número de eventos celebrados na Feira Internacional de Galicia ABANCA multiplicouse exponencialmente, pasando de 6 eventos maiores en 2013, a 23 en 2023, chegando a 27 no ano 2021. Un dos datos máis destacados é a recuperación da Central Agropecuaria de Galicia Abanca, é dicir, o mercado de gando que todos os martes acolle a Feira Internacional de Galicia Abanca, e que pasou de 16 millóns en transaccións económicas, aos 36 millóns actuais de leste mesmo 2024.
Actualmente, Ricardo Durán é tamén presidente da Asociación Galega de Feiras e Eventos (AGAFE) e vicepresidente da Asociación Nacional de Mercados de Gando (ASEMGA), chegando a ser no seu momento, presidente da Asociación Europea de Mercados de Gando (AEMB).