O premio Agustín Fernández Paz premiou a Eva Mejuto pola súa obra ‘Queco e Kika’

A escritora Eva Mejuto foi distinguida en Vilalba co oitavo premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola igualdade pola súa obra Queco e Kika. A gala de entrega celebrouse no municipio chairego e contou coa participación de diversas entidades culturais e educativas locais.
Durante o acto, a alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, recomendou a lectura do libro galardoado, “que fala con humor da amizade, o amor e a convivencia entre os seus protagonistas: Sara, Lara e os seus cans, Kika e Queco”. Rouco destacou ademais que “este premio consolídase ano a ano como unha referencia na literatura infantil e xuvenil en galego” e subliñou a responsabilidade do municipio de manter vivo o legado de Agustín Fernández Paz para fomentar a creación literaria neste ámbito.
A rexedora tamén puxo en valor o traballo das dúas entidades que, coa colaboración do Concello de Vilalba, impulsan o certame: o Instituto de Estudos Chairegos e a Editorial Xerais. Aproveitou a súa intervención para animar á cidadanía “a ler de novo as obras de Fernández Paz e a transmitilas aos máis pequenos, porque cada neno e nena que abre un dos seus libros dá continuidade a unha vida dedicada á literatura”.
A gala contou coa participación da Asociación Cultural Andrade, o alumnado da Biblioteca Agustín Fernández Paz do Instituto Basanta Silva, o minicoro da Escola Municipal de Vilalba e o alumnado da Escola Municipal de Teatro, que puxeron o acento artístico nun acto de celebración da literatura en galego.