O presidente da Deputación visita as obras da nova área de lecer e deportiva de Pol
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á voceira socialista do Goberno e Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, e o alcalde de Pol, Lino Rodríguez Ónega, visitaron este xoves as obras de construción dun novo campo de fútbol e dunha área de lecer e deportiva en Mosteiro. A colaboración da Deputación con estas actuacións impulsadas polo Concello ascende a preto de 330.000 euros, entre dous convenios e a aportación a través do Plan Único 2019.
Tomé Roca subliñou que “a Deputación de Lugo ten o firme compromiso de colaborar con todos os concellos da provincia para sacar adiante proxectos que redundan na mellora dos sevizos públicos e, polo tanto, que melloran a calidade de vida e o benestar dos veciños e das veciñas”. Ademais, o Presidente recordou que este compromiso fíxose realidade co Concello de Pol coa posta en marcha da residencia, ofrecendo “unha atención de calidade e próxima aos maiores, ademais de crear riqueza e emprego neste Concello, e tamén o facemos realidade apoiando este importante proxecto para a creación dunha gran área de lecer e deportiva en Mosteiro”.
O mandatario provincial engadiu que “Deputación e concellos traballamos xuntos para poder sacar adiante iniciativas como esta, dunha contía económica considerable, que as administracións locais non poderían asumir en solitario. Nos tempos de crise como o que nos toca vivir pola pandemia, é fundamental a cooperación e manter ferramentas como o Plan Único, que garanten unha achega de fondos ós concellos dun xeito transparente e con criterios obxectivos”.
“As obras públicas son un elemento máis á hora de loitar contra os efectos económicos derivados da covid-19. Así que o mero feito de acometer estas obras neste momento ten xa en si un efecto positivo na economía e no emprego. E nun futuro próximo, os veciños e veciñas de Pol disporán dun novo equipamento que, ademais de ampliar a oferta de servizos públicos, vai axudar a dinamizar a vida social, deportiva e económica deste municipio. Este espazo pode xuntar ademais xeracións de mozos e maiores, incentivando así a convivencia e a creación de comunidade”, engadiu o presidente.
Por outra banda Lino Rodríguez agradeceu a colaboración da Deputación para poder levar a cabo estas actuacións en Mosteiro e subliñou que “ o concello de Pol nunca tivo un campo de fútbol propio”. “Agora estamos nunha situación de obras que espero que en novembro aproximadamente estean finalizadas ou bastante avanzadas” engadiu o alcalde.
Características
O proxecto impulsado polo Concello de Pol para a creación dunha nova área de lecer e deportiva en Mosteiro desenvólvese nun terreo de 35.000 m². As instalacións, que están preto do pavillón municipal, o colexio e a piscina, inclúen un campo de fútbol de herba natural e unha área de xogos. O campo de fútbol contará cunhas dimensións de 105x68 metros de terreo de xogo, máis de 1,5 metros de bandas nos laterais e 2,5 metros nos fondos. A zona de xogos constará de pistas de billarda, bolos, petanca, pádel, xogos de mesa e unha tirolina.