O presidente informou aos sindicatos sobre o proceso de disolución de Suplusa

TerraChaXa | LugoXa
21 sep 2019

Tal e como anunciou, o Presidente da Deputación, José Tomé, mantivo na Sala de Xuntas unha reunión informativa con todas as centrais sindicais que teñen representación na institución provincial na que lles deu traslado persoalmente dos acordos de disolución de Suplusa adoptados por unanimidade no Pleno e na Xunta Xeral Extraordinaria da entidade mercantil celebrados o día 12 de setembro. Así mesmo, aseguroulles que a vontade da Corporación é respectar os dereitos dos traballadores e traballadoras sempre dentro do marco xurídico conforme os técnicos informen. Á xuntanza acudiron representantes de CC.OO., CSIF, UGT e CIG.

Tras este encontro co Presidente, os representantes sindicais mantiveron de seguido unha xuntanza cos deputados e deputadas designados para exercer o cargo de liquidadores de Suplusa (Pilar García Porto, en representación do PSdeG, Mónica Freire Rancaño, do BNG, e José Antonio García López, do PP), co asesor xurídico da comisión liquidadora e cunha traballadora de Suplusa nomeada interventora. 

Con esta xuntanza, José Tomé quere garantir a total transparencia e claridade en todo o proceso que desembocará na extinción da sociedade mercantil, e desvinculalo de calquera manipulación política que puidera darse, en tanto que a decisión política, que é a disolución de Suplusa, xa está acordada por unanimidade no Pleno e na Xunta Xeral da entidade mercantil celebrados o día 12. Agora resta desenvolver a parte técnica e administrativa, que se realizará segundo as indicacións dos servizos provinciais implicados ao abeiro do establecido na lexislación Mercantil e de Dereito Público que resulte de aplicación. 

0.16466903686523