#Vídeo | O profesorado dos ciclos formativos do IES Lois Peña Novo de Vilalba presenta a súa oferta educativa

TerraChaXa
José López, Elena Pereira, José Luis Pernas, Carmen Mato e Víctor Peinó presentan as características de cada un dos ciclos de FP Básica, Media e Superior do instituto
ies-lois-pena-novo-vilalba
22 Xuño 2024
Por Jessica Fernández

O IES Lois Peña Novo de Vilalba, o centro de estudos de ciclos formativos de grao Básico, Medio e Superior; xa ten aberto o prazo de inscrición para matricularse na Formación Profesional que mellor se adapte ao diferente alumnado.

A novidade destes ciclos é que o ano que vén todos serán de FP Dual, que significa que desde 1º curso de calquera deles, o alumnado formarase en empresas á vez que compatibilizan o seu traballo coa parte teórica e as prácticas no centro educativo superior.

Podes ver o vídeo completo da reportaxe premendo nesta ligazón.

CICLO BÁSICO E MEDIO DE ELECTROMECÁNICA E VEHÍCULOS

Con respecto ao departamento de Electromecánica e Vehículos, ofértase o ciclo de formación básica e o ciclo medio co mesmo nome. José López Pernas, profesor da especialidade, explica que teñen alumnado desde os 15 ata os 60 e pico de anos, pero diferencia o ciclo básico do medio en canto a que no básico poden acceder alumnos que non teñen a ESO e, coa obtención da FP básica, logo poden acceder a calquera outro ciclo medio, mentres que no medio entra alumnado que vén da básica ou tamén ao rematar a ESO.

Con respecto ás materias, que na FP se chaman módulos, diferéncianse segundo o nivel. Na FP Básica, os módulos están enfocados a pasar ao ciclo medio, polo que o 1º curso está enfocado a carecería e mecánica e 2º está enfocado a electromecánica. Pola súa parte, o ciclo medio está enfocado a electromecánica para saír e poder traballar en talleres con vehículos, motos... Ademais, a electromecánica engloba electricidade, mecánica, pneumática hidráulica... “Isto é moi amplo, podes especializarte en diferentes módulos pero é un mundo moi grande, e hai moitos camiños, polo que hai moita saída laboral”, explica José.

Por outra banda, di que fan proxectos a un ano. Este, concretamente, fíxose unha maqueta para simular un coche a nivel de actuadores eléctricos. Con respecto aos proxectos anteriores, un é un coche Toyota co que visualizaban o sistema de pila de combustible de hidróxeno; mentres que outro foi o proxecto de cargar un coche con enerxía fotovoltaica das placas solares do centro e, á vez, o coche proporcionaba enerxía para o centro, “co que conseguimos reducir case un 50 % o consumo eléctrico do instituto”, explica José. Así, mediante un cargador controlado por un móbil, da marca española Wallbox analizaban os datos de carga e descarga e enviábanos á empresa para que puideran seguir desenvolvendo o cargador.

CICLO MEDIO DE ATENCIÓN A PERSOAS EN SITUACIÓN DE DEPENDENCIA

Elena Pereira García, profesora do ciclo medio de Atención a Persoas en Situación de Dependencia, conta que fan labores de limpeza, de lavado, de pasadas de ferro, secado de roupa, e tamén cociñan, non só dietas dirixidas a colectivos específicos, senón tamén cociñan para ocasións especiais no IES; e tamén cosen a man e a máquina.

Ademais, contan cunha sala específica de taller de sanitaria, onde aprenden a facer mobilizacións con grúas, cambios posturais e a hixiene e aseo de persoas encamadas, así como prácticas de primeiros auxilios.

“O ciclo ten un 100 % de empregabilidade, é dicir, toda persoa que queira traballar en dependencia pode facelo porque hai moitísima demanda. Ademais é un sector moi feminizado, polo que hai moita demanda de rapaces para traballar no sector. Cada vez demándase máis este perfil na Educación Infantil e en Primaria como coidadores para nenos con discapacidade, aínda que tamén se pode traballar como teleoperadores de teleasistencia, en centros residenciais, en centros de día e no Servizo de Atención no Fogar”, explica Elena.

Por outra parte, este ano, co cambio á FP Dual, existe a posibilidade de inscribirse en módulos específicos e, se as persoas interesadas teñen dous anos de experiencia, poden matricularse nos módulos propios do sector.

Como novidade, a profesora conta que este ano presentaron un proxecto para ter no centro educativo unha aula Snoezelen, que é unha aula multisensorial coa que o alumnado “pode formarse na creación de ambientes inmersivos que favorezan a estimulación multisensorial”, explica Elena. “Esta proposta de valor permitiríalles formarse en aspectos que outros centros non teñen”, conclúe.

CICLO MEDIO DE INSTALACIÓNS ELÉCTRICAS

José Luis Pernas, profesor no ciclo medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas, explica que calquera persoa con 4º da ESO ou coa FP Básica de Electricidade pode acceder ao ciclo, que no caso do IES Lois Peña Novo conta con arredor de 20 alumnos.

Neste ciclo apréndese sobre paneis solares, calcúlase o número de paneis que se necesitan nunha vivenda, bovínanse motores, fanse instalacións de domótica, cálculos de como van os condutores polas paredes, instalacións eléctricas de interior, automatismos eléctricos, electrotecnia, máquinas eeléctricas, distribución...

“Todo o mundo que fai o ciclo, acaba traballando. Non temos alumnado suficiente para cubrir as necesidades da comarca de Vilalba”, subliña o profesor.

Entre os proxectos desenvolvidos polo alumnado destaca unha vivenda domótica que se  controla co telefono móbil, manda sinais a pesar de estar moi lonxe e pódeselle dar ordes, “como por exemplo simular que estou na casa”, exemplifica Pernas.

Outro proxecto, o deste ano, é un ascensor domótico que se controla co móbil, “orientado a persoas de idade avanzada que non poden subir as escaleiras e que non teñen acceso á parede, polo que pode gobernalo co móbil”, argumenta. “Isto fixérono os alumnos e funciona con placas solares, con enerxía limpa, e pódese conectar a rede ou conectar aos módulos fotovoltaicos”, conclúe.

CICLO SUPERIOR DE ADMINISTRACIÓN E FINANZAS

Carmen Mato, profesora do ciclo superior de Administración e Finanzas sostén que hai 22 alumnos en 1º curso e 18 en 2º. En primeiro, impártese a parte de ofimática, con programas como Excel, Word, Powerpoint e Canva; tamén se dá contabilidade básica, comunicación, recursos humanos, responsabilidade social corporativa, xestión de documentación xurídica; e en 2º dáse contabilidade e fiscalidade, ofimática, xestión financeira, e unha simulación empresarial con proxecto de empresa.

“Máis do 50 % do alumnado queda na empresa ao remate do ciclo superior”, explica a profesora, que anuncia, ademais, que este ano que vén haberá un novo ciclo superior da mesma rama, que é o de Asistencia a Dirección. “O ciclo superior que temos está enfocado a traballos en empresas, recoller documentación, saber a onde enviala e traballar na administración publica, mentres que o de asistencia a dirección está enfocado a dirección de eventos, protocolo empresarial, traballar en postos técnicos e organizativos para organizaller unha axenda aos cargos directos das empresas”.

Con respecto ao centro educativo, destaca que no IES Lois Peña Novo de Vilalba contan con dúas pantallas por alumno, cadeiras ergonómicas, e que ao ter menos de 30 alumnos por aula, “podémoslles dar unha maior dedicación”.

CICLOS DE INFORMÁTICA

O director do centro e profesor de nos ciclos do departamento de Informática: FP Básica de Informática en Oficina e FP Superior de Administración de Sistemas Informáticos en Redes; Víctor Peinó explica que o ciclo básico está orientado a que o alumnado aprenda o manexo dos programas principais de informática, o procesador de texto, as follas de cálculo e o arranxo e mantemento de equipos, móbiles, tablets, equipos de escritorio e portátiles; mentres que o ciclo superior está orientado a configuración de servidores, instalación de redes e deseño e configuración de deseño de páxinas webs con Wordpress.

“O ciclo básico ten pouca saída porque teñen unha formación básica, desde aí acceden a ciclo medio, aínda que poden traballar na reparación e mantemento de equipos; mentres que o superior ten moita saída para empresas que leven o mantemento da web, a rede, dos equipos, configuración de servidores... A informática ten bastante inserción laboral, case do 100 % e incluso non hai profesores de informática”, explica o director  do centro.

Con respecto ao alumnado, explica que hai alumnos de todo tipo, desde os que veñen sen a ESO como os que veñen de Bacharelato e hai arredor de 20 alumnos por ciclo. “Temos un ratio de alumnado que non é moi alto, temos unhas instalacións moi interesantes, temos unha aula e taller de reparación específica de equipos e moito equipamento de servidores e material de redes para que no ciclo superior poidan practicar”, explica.

Como novidade, Peino informa de que o ano que vén contarán cun novo ciclo, o medio de Sistemas Microinformáticos e Redes, que completa a formación no centro do Departamento de Informática. “Ten bastante saída laboral porque está moi centrado na reparación e mantemento de equipos, entón é moi interesante para o alumnado do ciclo básico”, conclúe Víctor.

CICLO SUPERIOR DE MECATRÓNICA

Ademais, o director do IES, explica que neste novo curso 2024-2025 haberá unha nova promoción do ciclo superior de Mecatrónica Industrial, que é da familia de instalación e mantemento, en modalidade Dual.

Neste caso, explica que o alumnado seguirá podendo facer as súas prácticas en empresas coas que o centro educativo colaboraba ata o de agora e ademais suman novas marcas da comarca da Terra Chá que destacan que colaborar co centro educativo axuda a que o alumnado quede nas empresas despois da súa formación, xa que se colaboran con outros centros educativos de fóra da comarca, o alumnado adoita a marchar a empresas da súa zona, e que as empresas da comarca colaboren co instituto da comarca axuda a asentar poboación. As empresas mostran que están contentos cos rapaces e os alumnos que están en empresas en principio quedaran traballando aí”, destaca Peinó.

Ademais, este ciclo é unha saída para os rapaces de ciclos medios de mecánica e electricidade e o alumnado que realiza este ciclo está orientados ao mantemento en cadeas de montaxe de empresas grandes.

0.18624806404114