O programa Abadín, Vilalba e Mondoñedo facendo emprego, formará a 100 desempregados
A iniciativa Abadín, Vilalba e Mondoñedo facendo emprego permitirá que un cento de persoas sen emprego reciban formación de calidade para facilitar a súa inserción sociolaboral. En concreto, entregáronse as certificacións da acción formativa relativa a atención sanitaria a persoas dependentes en institucións sociais, mentres que segue a celebrarse o módulo de transporte sanitario.
O programa integrado de emprego inclúe actividades de orientación e asesoramento individualizado, intermediación laboral e acompañamento na procura de emprego, obradoiros de motivación, así como formación transversal en novas tecnoloxías e idiomas. O compromiso adquirido de inserción laboral mínima para esta iniciativa, que inclúe un programa formativo adaptado á demanda das empresas da contorna, é dun 35%.
Galicia está desenvolvendo 40 programas integrados cun investimento de 10 millóns de euros para 4000 desempregados e desempregadas e o compromiso de acadar unha inserción do 35%.
Este tipo de programas integrados de emprego son importantes para adaptar as cualificacións aos perfís profesionais que precisan as empresas para competir, crecer e xerar emprego de calidade.