O programa Btteando por Guitiriz continúa este domingo
Este domingo, 10 de novembro, volverá o programa Btteando por Guitiriz cunha nova saída, a que será a sétima desta edición. Nesta ocasión realizarase a Ruta do Pantano de San Xoán, na que será a penúltima ruta desta sexta edición do programa organizado polo Concello de Guitiriz en colaboración co Club Btteiros Cova da Serpe.
O itinerario comezará ás 10:00 horas desde a Área Recreativa do Pantano de San Xoán, con chegada no mesmo punto. Como no resto de saídas, será apta para todos os públicos, cun percorrido de 20 quilómetros aproximadamente e de 300 metros de desnivel pola zona da Serra de Montouto e o Pantano de San Xoán.
As inscricións son gratuítas e estarán abertas ata este xoves, 7 de novembro. Pódense formalizar de xeito presencial no Concello de Guitiriz ou a través das redes sociais do Club Btteiros Cova da Serpe.
Para asistir é preciso apuntarse previamente e levar bicicleta propia, casco e roupa cómoda, aínda que tamén se recomenda levar unha peza de froita e auga para o camiño. Os menores de idade deben ir acompañados dunha persoa adulta.
Esta será a penúltima ruta da sexta edición do programa Btteando por Guitiriz, que concluirá o domingo 29 de decembro coa Ruta de Fin de Ano.