O programa Catuxa continúa coas actividades sobre igualdade en Xove
O alumnado de 4º da ESO do concello de Xove, asistiu o pasado venres á actividade Desmontando o mito do amor romántico enmarcada no programa Catuxa, de sensibilización sobre a violencia de xénero e a igualdade entre mulleres e homes.
A través desta actividade favorécese a construción de relacións afectivo emocionais saudables baseándose na liberdade e desexos das dúas persoas que forman a parella, un tema fundamental para traballar nos primeiros anos da adolescencia.
A actividade comezou coa lectura dun texto do libro “Machismo, de micro nada” co que se lles invitou aos alumnos e alumnas a reflexionar para, seguidamente, traballar en grupo sobre diferentes afirmacións relacionadas co mito do amor romántico e así acabar desmontando os diferentes mitos entorno ás relacións de parella.
Por outro lado, o alumnado de 3º da ESO participaba ese mesmo día noutra das actividades do programa, 'Intelixencia emocional, social e habilidades persoais', durante a cal puxeron de manifesto a súa satisfacción pola nova aprendizaxe adquirida e o seu firme desexo por continuar indagando nesta temática.
Nesta ocasión as e os adolescentes participaron activamente nas dinámicas propostas. Afondouse na mellora da xestión das emocións e na importancia disto non só como un recurso para mellorar os resultados académicos, se non para aplicar tamén no resto dos ámbitos da súa vida e sempre en clave de igualdade.
O equipo de ReTnova, empresa encargada da execución deste programa, estará hoxe no IES Vilar Ponte, do concello de Viveiro.
Está dispoñible o teléfono de atención da Unidade de Xénero para Adolescencia do Programa CATUXA: 604067520