O programa Catuxa de loita contra a violencia de xénero bota andar en Alfoz

TerraChaXa | AMariñaXa
O programa Catuxa, de sensibilización sobre a violencia de xénero e a igualdade entre mulleres e homes destinado á poboación  adolescente, botou a andar no Instituto de Ensinanza Secundaria Alfoz-Valadouro da man do equipo Retnova Proxectiva Consulting.
navidad cospeito 1080x764
30 Xan 2019

O programa Catuxa, de sensibilización sobre a violencia de xénero e a igualdade entre mulleres e homes destinado á poboación  adolescente, botou a andar no Instituto de Ensinanza Secundaria Alfoz-Valadouro da man do equipo Retnova Proxectiva Consulting. Noelia Rodríguez foi a  técnica encargada de dinamizar a visita do alumnado á exposición ‘Á violencia de  xénero... DILLE NON!
Os alumnos de 3º e 4º da ESO do IES do Alfoz-Valadouro desprazáronse ás  dependencias municipais onde se atopa a exposición Á violencia de xénero... DILLE  NON!, e alí unha experta en igualdade e violencia de xénero do equipo de Retnova  para o programa Catuxa dinamizou a visita cunha actividade participativa.
Para facer chegar as mensaxes da exposición dunha maneira participativa, invitouse ao  alumnado a que ollaran toda a exposición con calma coa consigna de que ao rematar  elixisen unha palabra dunha listaxe que lles suxerise algunha lámina da exposición.
Ao entrar na sala de actividades, fóronse poñendo en común láminas e palabras,  chegando así a desenmarañar o que implica unha relación de parella sá e unha tóxica. A liberdade e as gaiolas invisibles que que atrapan ás mulleres, centrando o tema nas  experiencias coñecidas de maneira directa pola rapazada.
Esta exposición, promovida pola Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, é  unha mostra gráfica dirixida á mocidade para que esta recoñeza identifique e rexeite as condutas sexistas nocivas nas súas relacións. A exposición púidose visitar no Centro  sociocultural do Concello de Alfoz desde o pasado 18 de xaneiro, sendo este martes 29 o seu derradeiro día.
O programa Catuxa presentouse o pasado 29 de novembro no IES María Sarmiento,  de Viveiro; trátase dunha iniciativa dirixida á comunidade educativa dos concellos integrantes da Mariña Lucense, que aborda desde unha perspectiva integral e transversal  a necesaria educación e concienciación en materia de igualdade entre mulleres e homes  e de prevención e loita contra a violencia de xénero nas súas distintas manifestacións.
Un dos elementos identificadores de Catuxa é o seu carácter participativo e de  implicación de todas as entidades do territorio, ademais dos centros educativos. De aí  que a actividade programada para este martes en Alfoz sexa o resultado dunha  estratexia de coordinación concello-programa Catuxa para conseguir un maior  alcance do programa ao tempo que se optimizan recursos dispoñibles.
O programa Catuxa continuará no mes de febreiro con máis actividades. Pódese  seguir a actualidade do programa Catuxa en Instagran e Facebook como @programacatuxa.

0.20902705192566