O programa Concilia de Guitiriz terá servizo de tarde
O programa Concilia ampliará o horario pola tarde en próximas datas e levará o nome de Concilia Tarde.
O día 1 de outubro comezou a traballar no concello unha persoa máis no programa Madrugadores polas mañás para poder cubrir a importante demanda que ten o servizo, que agora mesmo atende a 45 pequenos antes do comezo da xornada escolar todos os días laborables no CEIP Lagostelle.
Polo de pronto, o Concello abriu o prazo de inscrición ata o 19 de outubro para todos aqueles interesados no servizo de tarde que funcionará de 16:00 a 18:00 horas.
"Antes tíñamos unicamente unha persoa pero o aumento da demanda obligounos a ter unha persoa máis, tal e como marca a normativa, polo que tivemos que facer esta ampliación", explica Regina Polín que tamén subliña que esa mesma persoa pasaría tamén a facer o servizo de tarde, que consistiría en dúas horas pola tarde ao rematar o periodo lectivo.