O programa Muller Dixital chega ás Pontes
O Concello das Pontes súmase ao proxecto Muller Dixital, unha iniciativa que ten como obxectivo mellorar as competencias dixitais das mulleres galegas que se atopan en situación de desemprego e que lles permitirá aproveitar as posibilidades asociadas ás tecnoloxías dixitais, con énfases na redución da fenda de xénero e na capacitación dixital das mulleres no ámbito rural, para o emprendemento, o acceso á información, o procesamento e uso para a comunicación, a creación de contidos, a seguridade e a resolución de problemas.
O programa, financiado pola Unión Europea no marcodo Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia preséntase, en palabras da edil de Igualdade, Tania Pardo, como “unha oportunidade única para formarse, avanzar e mellorar o currículum de cara un mercado laboral no que a dixitalización é unha obriga. A través deste programa traballaranse as competencias dixitais recollidas do Marco Europeo de Competencias Dixitais para a Cidadanía (DigComp) entre as que destacan a navegación, a procura e filtrado de información, a interacción a través da tecnoloxía ou a protección dos dispositivos”.
Así, o programa Muller Dixital, ofrecerá un itinerario formativo deseñado para ir avanzando desde un nivel básico de competencias dixitais ata un nivel máis avanzado, a través de dous módulos de formación, de 40 horas de duración cada un deles, que se completará cun módulo transversal sobre igualdade de oportunidades.
Poderán participar neste programa mulleres desempregadas ou en situación de mellora do emprego das Pontes, sendo obrigatorio ter a demanda de emprego activa no momento de inicio da formación.
Será necesario realizar unha proba de nivel que se celebrará o martes, 27 de setembro, ás 17:00 horas na Casa Dopeso. Unha vez avaliados os resultados, estableceranse os grupos de formación, segundo niveis, e fixaranse as datas e horarios das sesións formativas.
As mulleres que realicen esta formación, con carácter gratuíto, recibirán ao remate un título oficial acreditativo e, Lorena Tenreiro, concelleira de Medios Locais, apunta que “para a realización dos programas formativos,conscientes das dificultades de acceso á tecnoloxía que pode ter as mulleres participantes, facilitaráselles unha tablet para a execución do curso. Unha vez finalizada a formación, a tablet será regalada a cada alumna”.
Para máis información, as mulleres interesadas poden chamar ao 881 820 345.