O programa Pontes de Emprego entra na fase de prácticas
O programa integrado de Emprego “Pontes de Emprego”, subvencionado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia e cofinanciado polo Concello das Pontes, dirixido a mellorar a empregabilidade 85 ponteses, iniciou, a semana pasada, a súa fase de prácticas.
Desde o 6 de xuño e ata o 20 de agosto os beneficiarios do Programa Integrado de Emprego recibirán un total de 269 horas formación que inclúen a realización de prácticas non laborais en cociña, técnicas de venda e carretilla elevadora en diferentes empresas locais vinculadas ó sector da hostalaría, do comercio así como no polígono de Penapurreira.
A formación teórica repartirase entre un curso de cociña impartido por un profesional da Escola de Cociña Icook, un curso de community manager e de formación en novas a cargo do axente TIC do Concello das Pontes. Un psicólogo industrial achegará ós alumnos do Programa Integrado de Emprego ás técnicas de venda mentres que a parte teórica do curso de manexo de carretilla elevadora e pá cargadora será impartido por un técnico superior e docente en prevención de riscos laborais.
Ana Pena, responsable da área de emprego do Concello das Pontes, remarca que “o Programa Integrado de Emprego “Pontes de Emprego” está encamiñado a que os participantes adquiran as competencias profesionais demandadas polo tecido industrial e comercial da contorna e a formación axústase, polo tanto, ás demandas do mercado para poder chegar o obxectivo de inserción laboral que se sitúa no 30% dos veciños que participan no programa integrado de emprego”.
O programa Integrado de Emprego ofrece, a colectivos con especiais dificultades de inserción laboral; persoas con discapacidade, en risco de exclusión social ou menores de 30 anos con baixa cualificación, unha ferramenta de axuda e acompañamento especializado para desenvolver as súas competencias persoais, sociais e laborais, acrecentando a súa empregabilidade para en palabras de Pena “situalos nunha situación máis favorable cara o mercado laboral, que lles permita unha inserción laboral duradeira e en mellores condicións”.
Desde que, o pasado mes de novembro, comezara o programa integrado de Emprego “Pontes de Emprego”, xa se realizaron boa parte das actividades previstas relacionadas coa información, orientación laboral, formación e asesoramento, tanto a través de sesións individuais e grupales, adaptadas ás necesidades das persoas beneficiarias, e unha titorización para reforzar os coñecementos e habilidades adquiridas.