O programa Preescolar na casa regresa este mes a Friol
A asociación Antonio Gandoy en colaboración co Concello de Friol arranca unha nova edición do programa Preescolar na Casa: Espazos das familias. A primeira cita será este luns, 23 de setembro, ás 17.00. horas no centro colaborativo.
O colectivo lucense centra a súa actividade na organización de reunións de formación nas que as familias con nenas e nenos en idade infantil de 0 a 6 anos, comparten coñecementos e experiencias sobre a importancia educativa dos primeiros anos. As xuntanzas, coordinadas por profesionais do eido educativo, son ademais un espazo de aprendizaxe e socialización para as crianzas, que tamén participan nos encontros.
Ademais destes encontros, nos que desenvolven contidos e propostas adaptadas ás necesidades das familias, a asociación tamén realiza actividades de formación (obradoires, charlas, …) para profesionais da educación.
As persoas que desexen información ou participar no programa poden poñerse en contacto cos organizadores no correo antoniogandoyeducacion@gmail.com ou no teléfono 617 769 942.
A entidade continúa coa labor desenvolvida durante 35 anos en Galicia por Preescolar na Casa, un proxecto pioneiro na intervención educativa na etapa infantil e na creación de materiais didácticos en galego para estas idades. A asociación toma o nome do seu promotor Antonio Gandoy e conserva os materiais producido durante mais de tres décadas de experiencia educativa, para ofrecelo a todas as persoas interesadas en coñecelo e estudalo.