O programa reservado para a cativada estes días nas Pontes
A Biblioteca Municipal das Pontes é unha das entidades do concello que máis traballa durante todo o ano para a dinamización da cultura entre os máis mozos. Conta cun programa chamado Xoves na Biblio, na casa Dopeso, onde ofrece unha chea de espectáculos de contacontos, de monicreques, obradoiros, concertos, actividades de divulgación científica, orientados a promover o gusto pola lectura, prestando especial atención á promoción da lingua e literatura galegas e ofrecendo, ao mesmo tempo, actividades con perspectiva de xénero e promovendo os valores de igualdade e de respecto ao medio ambiente.
Como colofón a este arduo traballo, volve outro verán máis agora que os máis pequenos terminaron o colexio. Terá lugar do 20 ao 23 de xullo de 11.30 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 na praza de América coincidindo coas festas. Polas mañás haberá obradoiros de lectura, pintura ou escritura e, polas tardes, será a quenda do Parque Activo, que contará cunha mestura de espectáculos, que van desde contacontos, maxia, monicreques, circo, etc.
APARVAOLIMPIADAS
Moc Moc Espectáculos e Animación é unha compañía dedicada á produción e distribución de espectáculos en Galicia de diferentes campos das artes escénicas: circo, pasacalles, clown, música, teatro, maxia, animación musical.
Foi creada a finais do 2018 por David Merelas MeRe Clown co fin de promover os seus propios espectáculos. Aos poucos foi colaborando con diversos artistas ofertando diferentes propostas culturais á vez que crean novas propostas conxuntas, en medio ano ou gran formato, baixo o nome de Moc Moc Producións.
CONSSERTASO NA HORTA
Para mergullarse nun mundo de imaxinación nas hortas, con grelos e temazos, cun equilibrio variado de formas e estilos, como debe ser nun ecosistema musical diverso e saudable. A Santa Compaña aparécese entre as patacas cantando un trap.
As cabras tiran para o monte e os carafio reivindican o seu ritmo: o reggae. Entre as cenorias, os lagartos toman o sol ao son dun tumbao e os kiwis non paran de brotar bailando ska. Tamén hai sitio para os soños, como o de ser astronauta, ou para pedirlle axuda ás veciñas para botarlle o sulfato ás viñas. E máis temazos entre guitarrazos, charangazos e un lote de instrumentazos máis. Música e humor para toda a familia. Letras e arranxos coidados para sementar e coller risas e ganas de cantar xuntas.
PARQUE INFANTIL
Ao comezo de semana cambia o rumbo e será a avenida da Coruña a que reciba a tan demandada festa da escuma que será un éxito seguro entre os máis pequenos, que poderán desfrutar de inchables e diversos xogos para pasar unha tarde do máis entretida.
EL GRAN DIMITRI
Dimitri, un xenio do escenario segundo el, aínda que de dubidosa reputación artística, enfróntase ao seu terceiro traballo en solitario. Impulsado polos seus escasos logros como case actuar en prestixiosos festivais, salas B dos mellores teatros e case gañar algún premio, Dimitri ten unha epifanía: “Nacín para ser unha lenda do escenario”.
Cre que en calquera momento pode pasar; unha chamada, alguén que o descubra e lle ofreza o contrato da súa vida: actuar para un auditorio de 100.000 persoas e ser lembrado como unha lenda. É a historia dun antiheroe, dun idiota, dun perdedor que ten a ousadía de seguir pelexando polo que quere. Un espectáculo dedicado aos antiheroes, aos soñadores.