O programa Sénior da UNED A Coruña abre o prazo de inscrición

Desde hoxe, 3 de xuño, está aberto o prazo de inscrición no programa da UNED Sénior vinculado ao centro asociado UNED A Coruña para todas aquelas persoas maiores de 55 anos que non aspiran a unha titulación universitaria pero si buscan unha formación continua que lles axude a mellorar a súa calidade de vida, ampliar coñecementos e fomentar as relacións interpersoais. O período de inscrición manterase aberto ata que se completen as prazas dispoñibles e comecen as clases do primeiro semestre, en outubro.
Durante este curso 2024-2025, o programa Sénior da UNED A Coruña contou con aproximadamente 280 alumnos e alumnas cada semestre, repartidos polas súas diferentes aulas. Trátase dun programa pioneiro que está apoiado pola Xunta de Galicia a través dun convenio de colaboración e vai máis aló da formación do alumnado máis veterano. Desde que se iniciou o programa en Galicia, hai máis de dez anos, logrou ser un referente de dinamización social e cultural da contorna rural. Neste momento, os municipios colaboradores son A Baña, Aranga, Boiro, Guitiriz, Irixoa, Lousame, Monfero, Paderne, e Xermade.
A UNED Sénior é un programa aberto no que o alumnado pode matricularse no número de materias que desexe. Divídese en dous semestres, nos que se ofrecen e imparten un total de 17 materias. No curso 2024-2025 destacan materias como Cultura musical de Galicia, Historia da arte e patrimonio artístico, Actividade física e incidencia na saúde, Saúde pública e envellecemento, Introdución ás novas tecnoloxías, Inglés e Saberes labregos e agroecoloxía. Cada unha destas materias ten unha duración de 30 horas lectivas e ofrécese en modalidade presencial.
As persoas que desexen inscribirse no programa Sénior da UNED A Coruña ou solicitar máis información poden dirixirse presencialmente ao concello colaborador de referencia ou contactar co coordinador do programa, Luís Rodríguez Patiño, no correo electrónico unedsenior.xestoso@hotmail.com
Para preparar o comezo do novo curso 2025-2026 e informar a todas as persoas interesadas, a UNED Sénior da Coruña ten programado un encontro que terá lugar o 11 de xuño en Paderne.