O programa Toponimízate comeza a tempada en Friol este mércores

TerraChaXa | LugoXa
O concello lucense de Friol é o encargado de abrir mañá mércores o pano da última edición de Topónimízate.
toponimizate friol
10 Out 2023

O concello lucense de Friol é o encargado de abrir mañá mércores o pano da última edición de Topónimízate. Falámosche dos nomes da túa terra, a campaña coa que a Real Academia Galega, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, divulga o valor da toponimia tradicional e procura persoas que colaboren na recolla da microtoponimia a través de Galicia Nomeada. O coordinador técnico desta aplicación, o filólogo da RAG Vicente Feijoo, será o encargado de impartir a primeira charla deste outono no Centro Sociocultural de Friol (rúa da Deputación, 18) a partir das 12:30 horas, coas portas abertas a toda a cidadanía e coa presenza, ademais, da rapazada que cursa a ESO no CPI Doutor López Suárez.

A chegada de Toponimízate a Friol pretende sumar os esforzos das diferentes xeracións friolesas na recuperación dos nomes de leiras, montes, camiños ou regos dun territorio no que apenas se recolleron microtopónimos. Dende o lanzamento de Galicia Nomeada, hai case catro anos, só 8 dos máis de 65.000 incorporados a esta plataforma por veciños e veciñas de todo o país pertencen a este concello lugués, que no seu día tampouco foi obxecto da recollida levada a cabo no Proxecto Toponimia de Galicia (2000-2011).

Coma nas edicións anteriores, a charla terá diferentes partes. Na introdutoria darase conta da riqueza da toponimia galega, deseguido o público aprenderá como empregar a aplicación Galicia Nomeada e, por último, explicarase a orixe e o significado dos nomes das 32 parroquias de Friol e dalgúns dos topónimos das súas aldeas e lugares, coa colaboración na elaboración das etimoloxías do académico de número Gonzalo Navaza.

Un dos topónimos dos que se falará designa unha aldea da parroquia de Bra, A Cafúa. Este nome constitúe un tesouro toponímico único en toda Galicia que pode ter orixe nunha pequena cabana no monte. Curiosamente comparte forma e fonética cunha palabra de uso bastante común no lunfardo, argot de Buenos Aires no que cafúa é sinónimo de ‘cárcere’.

Próximas charlas Toponimízate

A campaña Toponimízate regresa a próxima semana con outras dúas citas, unha tamén na provincia de Lugo e outra na de Pontevedra. O xoves 19 de outubro o IES de Becerreá acollerá a partir das 11:30 horas unha nova charla e o Auditorio Municipal Xosé Casal de Vila de Cruces será a seguinte parada o venres 20 de outubro partir das 19:30 h.

2.1352639198303