O proxecto ActivaVerde preséntase nas Pontes como impulso ao emprego tras o peche das centrais térmicas

O vindeiro 15 de outubro celebrarase en As Pontes de García Rodríguez a xornada de presentación do proxecto ActivaVerde, unha iniciativa destinada a ofrecer novas oportunidades laborais ás persoas afectadas polo peche das centrais térmicas de Meirama e As Pontes. O acto terá lugar no Salón de Actos do Multiusos Casa Dopeso entre as 17:30 e as 19:00 horas.
O proxecto forma parte do Programa de Transición Xusta aprobado pola Comisión Europea, que destina 868 millóns de euros para apoiar a transformación ecolóxica, a diversificación económica e a reinserción laboral nas zonas industriais afectadas polo peche de instalacións enerxéticas. ActivaVerde conta con financiamento procedente dos fondos do Fondo de Transición Xusta e coa colaboración de sindicatos e entidades empresariais.
A xornada contará coa benvida do alcalde das Pontes de García Rodríguez e do secretario xeral de Emprego e Relacións Laborais da Xunta de Galicia. Posteriormente, o subdirector xeral de Relacións Laborais da Xunta presentará o proxecto ActivaVerde e explicará as súas principais liñas de actuación.
Tamén participarán os secretarios xerais de CCOO, ASIME, UGT-FICA Galicia e CEC, que exporán as vantaxes de formar parte desta iniciativa. A continuación celebrarase unha rolda de consultas e a recollida de solicitudes de participación, rematando cunha sesión de networking entre os asistentes.
O programa pretende ofrecer ferramentas e formacións que abran novas portas ao emprego verde e de calidade, cun enfoque personalizado e adaptado ás necesidades de cada persoa participante.