O proxecto catastral A_Finca presentouse aos veciños de Muras nunha reunión
Muras é o primeiro concello galego no que se pon en marcha o proxecto A_Finca, procedemento de mellora da seguridade xurídica no territorio rural que pon en marcha a Dirección Xeral do Catastro.
Muras acolleu esta mañá unha reunión da veciñanza para informarlles sobre o proxecto A_Finca que pon en marcha a Dirección Xeral do Catastro no concello de Muras.
A presentación do proxecto aos veciños de Muras tivo lugar esta mañá no local social municipal e estivo presidida polo alcalde de Muras, Manuel Requeijo, así como por varios representantes do Castastro e a subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, quen explicou que este proxecto enmárcase no plan de acción do Goberno fronte ao reto demográfico e está incluído dentro das medidas do Plan de Recuperación.
Muras é o único concello de Galicia seleccionado polo Ministerio de Facenda e Función Pública para desenvolver este proxecto pioneiro e ten como obxectivo reforzar a seguridade xurídica dos bens inmobles e facilitar o posterior investimento en territorios con problemas de despoboamento. Precisamente un dos criterios determinantes na elección de Muras para a posta en marcha do proxecto é a súa baixa densidade de poboación, pois ten 3,8 habitantes por quilómetro cadrado.
O proxecto enmárcase nun reforzo ao investimento no territorio rural actuando en cada municipio a través de empresas, preferiblemente locais, para actualizar a información territorial co obxecto de crear un marco de seguridade xurídica para garantir o sostemento e a mellora da competitividade do sector agroalimentario, elementos esenciais para manter a poboación, o emprego e a actividade económica nas zonas rurais.
O obxectivo principal deste proxecto é dotar ao territorio rural da seguridade xurídica necesaria no ámbito inmobiliario para fomentar o desenvolvemento sostible en municipios con problemas de despoboamento. Mediante actuacións para facilitar aos veciños a correcta descrición dos seus inmobles no Catastro e iniciar, no seu caso, os trámites para a obtención dos títulos ante notario e a posterior inscrición no Rexistro da Propiedade, coa súa xeorreferenciación. Trátase de axudar aos territorios da España rural, que sofren o devastador efecto do despoboamento demográfico e a perda de bens e servizos, onde as propiedades se abandonan e esquecen. Nestes ámbitos rurais resulta de gran importancia actualizar o Catastro de forma coordinada co Rexistro da Propiedade, garantindo entre ambas as institucións a actualización da delimitación gráfica dos inmobles.
O concello de Muras foi un dos 23 municipios escollidos de toda España, e o único de Galicia. Coa súa posta en marcha, ademais da actualización catastral que agora se pon en marcha, nunha fase posterior facilitarase ás persoas con propiedades en Muras a súa inscrición no Rexistro da Propiedade resolvendo os problemas xerados polo mantemento de persoas xa falecidas como titulares catastrais ou mesmo a existencia de bens de titularidade descoñecida.
Ademais da charla, a Xerencia do Catastro de Lugo enviou máis de 5.000 cartas informativas a titulares de 21.570 parcelas catastrais. Pola súa parte, o alcalde ditou un bando informativo e colabora en todo o procedemento.