O proxecto de Ence nas Pontes recibe luz verde ambiental por parte da Xunta

O Diario Oficial de Galicia publica a declaración de impacto ambiental (DIA) favorable para o proxecto industrial estratéxico de planta de biofibra reciclada branqueada e as súas infraestruturas auxiliares promovida por Ence nas Pontes.
Ence levará a cabo un investimento de ata 355 millóns na realización das tres fases que contempla este proxecto que xerará preto de 1.250 postos de traballo. A primeira supoñerá a posta en marcha dunha planta de fibra recuperada na que se inclúe a planta piloto de recuperación de fibras téxtiles; a segunda contempla unha planta de coxeración de 150 MW de potencia térmica e ao redor de 50 MW de potencia eléctrica e a terceira, unha planta de tisú.
Esta declaración de impacto ambiental (DIA) favorable está condicionada ao cumprimento das exixencias recollidas tanto nos distintos informes sectoriais emitidos sobre o seu impacto como na propia DIA co fin de minimizar e compensar os posibles efectos na contorna. A maiores agora estase a traballar na autorización ambiental integrada (AAI) para completar o trámite ambiental.
A resolución refírese á iniciativa empresarial para implantar unha fábrica de pasta de papel reciclada, e as súas infraestruturas auxiliares, co fin de producir pasta branqueada a partir de papel e cartón recuperado ou de residuos de papel e cartón. Estará localizada no que era o parque de carbóns da central térmica das Pontes de García Rodríguez e nela realizaranse dous procesos -a reciclaxe de papel e cartón e a fabricación da pasta de celulosa- para obter unha produción de arredor de 100.000 toneladas ao ano.
A declaración de impacto ambiental do proxecto de Biofibras de Galicia é o resultado de 18 informes sectoriais favorables ou favorables condicionados ao seu desenvolvemento neste concello coruñés. Trátase dunha tramitación exhaustiva, rigorosa e garante da preservación dos distintos elementos que é preciso protexer no que se inclúen pautas ao promotor sobre como se debe desenvolver o proxecto para que sexa ambientalmente autorizable e viable.
Neste sentido, a Consellería de Economía e Industria -como órgano substantivo, encargado de tramitar o conxunto do proxecto e de autorizalo en última instancia- pasará a asumir de novo o expediente unha vez que estea completado o trámite ambiental -pendente de que se emita a autorización ambiental integrada- e encargarase de velar, en caso de saír adiante, polo cumprimento desas exixencias ambientais recollidas tanto nos distintos informes sectoriais como na propia DIA e no plan de vixilancia ambiental que é de aplicación ao proxecto.