O proxecto 'Eu quero ser coma' de Ribadeo rematará hoxe coa celebración do 25N

TerraChaXa | AMariñaXa
O proxecto 'Eu quero ser coma' de Ribadeo rematará hoxe coa celebración do 25N
OLYMPUS DIGITAL CAMERA
25 Nov 2020

O proxecto Eu quero ser coma da Concellaría de Igualdade de Ribadeo rematará estes días coincidindo coa celebración do 25N. Xurdiu o curso pasado coa finalidade de visibilizar ás mulleres e os seus logros ao longo da historia e tivo que parar coa chegada da pandemia do covid. As 38 persoeiras elixidas darán nome ás aulas de primaria e infantil do colexio público Gregorio Sanz e do colexio Sagrado Corazón. Foron editadas unhas placas co nome e coa ilustración de cada unha destas mulleres que lles van ser entregadas estes días aos centros de ensino, segundo deu a coñecer a edil de Igualdade, Mariluz Álvarez Lastra. 

A edil ribadense lembrou que “Eu quero ser coma é un proxecto que naceu coa finalidade de visibilizar ás mulleres e os seus logros ao longo da historia, os cales foron ocultados, silenciados, como se elas non existisen. Clara é a máxima, “o que non se nomea non existe”.

Álvarez Lastra explicou que “foron 38 as persoeiras elixidas coas que se traballou nas aulas, investigando sobre elas e afondando nos seus logros e achegas  á sociedade. Nunha primeira fase realizouse un traballo de investigación e información impartindo unhas sesións en cada aula, que se desenvolveron o pasado ano ao longo dos meses de  novembro e decembro. Posteriormente, nunha segunda fase puideron ver e coñecer máis delas a través das Viaxes no tempo que se realizaron no mes de febreiro. Mediante representacións teatralizadas o alumnado desde infantil ata sexto de Primaria dos Colexios Gregorio Sanz e Sagrado Corazón de Xesús tiveron contacto  con persoeiras de diversos ámbitos (música, pintura, ciencia, literatura, deporte, etc.), algunhas delas orixinarias da Mariña coma Maruxa Mallo, outras galegas como a primeira muller futbolista, Irene González, ou a primeira astrónoma galega, Antonia Ferrín, e outras de ámbito internacional como a cantante Violeta Parra, a precursora do wifi, HedyLamarr, etc, ademais da atleta ribadense Ana Ferradás”.

A concelleira de Igualdade seguiu a relatar que “o alumnado da clase de coeducación do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, 4 profesoras dese mesmo centro e 2 voluntarias do grupo de teatro de Ribadeo, encarnaron os papeis desas mulleres. No momento no que os grupos atravesaban as portas, deixaban de estar no 2020 para remontarse a outros anos, e poder disfrutar das anécdotas e das aventuras contadas de primeira man por mulleres que aínda hoxe son recordadas polo seu papel na historia, pese a que nun primeiro momento a maioría sufriron moitas trabas para poder chegar onde chegaron, pola condición de ser mulleres”.

Mariluz Álvarez Lastra subliñou que “os nomes destas mulleres bautizarán as aulas de Primaria e Infantil do Colexio Público Gregorio Sanz e do Colexio Sagrado Corazón de Xesús. Editáronse unhas placas co nome e cunha ilustración de cada unha delas que levou a cabo o alumnado de 3º e 4º da ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, de educación plástica, visual e audiovisual. Coincidindo coas Viaxes no tempo aproveitouse para realizar unha exposición dos debuxos das ilustracións, que tivo lugar na Escola de Música e Danza Municipal de Ribadeo e a edición de chapas para cada aula. Agora estes días procederemos a facer entrega desas placas que darán nome ás aulas dos colexios”.

A edil de Igualdade engadiu que “como culme deste proxecto colaborativo e participativo deseñouse un xogo denominado A tribo. Trátase dun xogo de cartas nas que as persoeiras identificáronse coa cor correspondente ao seu campo profesional (arte, literatura, deporte ou ciencia) e levarán na marxe unha bandeira indicando o  territorio do que proceden  as diferentes  mulleres. Propóñense dúas formas de xogar, una de dificultade baixa e outra media e ademais o xogo libre para que creen e imaxinen outras modalidades de xogo. As cartas levan os deseños das ilustracións que fixo o  alumnado de 3º e 4º da ESO do IES de Ribadeo Dionisio Gamallo, de educación plástica, visual e audiovisual para este proxecto. Este xogo foi financiado polo Secretaría Xeral de Igualdade dentro da liña de subvencións cos fondos procedentes do Pacto de Violencia de Xénero do Estado. Repartirase un xogo a cada alumna/o do Colexio Sagrado Corazón de Xesús e do Colexio Gregorio Sanz  e tamén´ao alumnado de 1º da ESO do IES de Ribadeo por participar no proxecto, xa que o pasado curso estaban en 6 de Primaria”. 

Captura de pantalla 2020 08 18 a las 10.06.54
0.21212100982666