O proxecto 'Faiuco é astronauta' do CEIP de Begonte, premiado pola consellería de Educación
O CEIP Virxe do Corpiño de Begonte vén de ser premiado pola Consellería de Educación no IV Concurso de Traballos polo seu proxecto documental integrado denominado "Faiuco é astronauta" baixo a coordinación da biblioteca escolar.
O certame tiña por obxectivo estimular, mediante o recoñecemento de boas experiencias, o deseño e desenvolvemento de proxectos de carácter interdisciplinario ou de proxectos de investigación. Neste caso, trátase dun proxecto interdisciplinar, xa que dende todas as áreas do currículo fixéronse numerosas aportacións tratando de que a totalidade da comunidade educativa desenvolvese unha investigación de carácter científico para coñecer o noso lugar no universo, e que sentise a posibilidade de coñecer con maior detalle o Sistema Solar, de comprendelo e de utilizalo para o seu beneficio.
O interese dos rapaces e rapazas polo espazo exterior nacía na visita á Casa das Ciencias e o seu planetario na Coruña durante o curso 15/16 e, por iso, a mascota da biblioteca, "Faiuco", se convertía en astronauta durante o curso 16/17 para viaxar ao espazo exterior e encargar diversas misións aos nenos e nenas dende a súa nave espacial relacionadas coa investigación e posta en común de numerosos aspectos do noso Sistema Solar, a medida que Faiuco os ía visitando e descubrindo dende a súa nave: O Sol, os diferentes planetas, as distancias que separan uns planetas dos outros, os tamaños dos planetas e da súa relación co Sol, as súas condicións de habitabilidade, a Lúa e a súa influenza na Terra, os cometas…
Así, toda a zona biblioteca convertíase nun fermoso planetario, os e as participantes investigaron todos os elementos do sistema solar, aprenderon o seu nome en inglés a través de cancións, traballaron os polígonos a través das constelacións, aprenderon as características dos diferentes planetas a través dunha obra de teatro, relataron as aventuras de Faiuco no espazo en cómic e recibiron a visita dun astrónomo do Observatorio Ramón María Aller de Santiago de Compostela, entre outras actividades. E as profesións relacionadas co estudo e exploración do espazo tamén tiveron lugar na investigación. Así, por exemplo, aproveitando a celebración do Día Internacional da Muller, descubriron quenes foron as primeiras mulleres astronautas que viaxaron ao espazo.
O importe do premio, 2.000 euros, deberá ser destinado ás necesidades da biblioteca escolar especialmente no ámbito da información.