O proxecto Red May visitará en outubro aos maiores de Abadín
O Concello de Abadín recibirá no mes de outubro o autobús do proecto Red May, que ten como finalidade o achegamento ao medio rural dos servizos sociais e asistenciais de proximidade para facilitar o acceso aos mesmos sen necesidade de desprazamentos fóra da localidade ou entorno máis inmediato.
O proxecto Red May (Rede de apoio ás persoas maiores que residan no rural galego) é un programa totalmente gratuíto levado a cabo pola Consellería de Política Social da Xunta de Galicia dentro do Programa Operativo Interrreg V A España Portugal (Poctep) que presta os varios servicios mediante profesionais habilitados legalmente a través dunha unidade móbil.
Así, conta con servizos ópticos revisando á persoa a gradación da vista. Tamén ofrece servizos de podoloxía en labores de prevención, diagnóstico e tratamento das principais patoloxías dos pés. Finalmente ofrece un servizo de asesoramento e apoio sobre servizos esenciais cotiás como farmacolóxicos, xurídicos e bancarios, normas de etiquetado e información alimentaria, subministracións domésticas, contratación e facturación e outros servizos e programas destinados a maiores promovidos pola Consellería de Política Social: servizo de teleasistencia, transporte adaptado, actividades de envellecemento activo.
As persoas destinatarias deste proxecto son as persoas maiores de 55 anos que precisen algúns dos servizos sociais e asistencias prestados.
A unidade móbil dispón de acceso para persoas con mobilidade reducida (conta cunha plataforma elevadora) e atenderá entre o 21 e o 25 de outubro.
Para a obtención de citas poden dirixirse aos Servizos Sociais Comunitarios do Concello de Abadín (entidade colaboradora), no número de teléfono 982.508.021 (data límite para solicitar cita: ata o 11 de outubro de 2019).