O próximo sábado abrirá unha nova edición do Belén de Begonte
A Delegación Territorial da Xunta en Lugo acolleu hoxe a presentación da LII edición do Belén de Begonte, que botará a andar o próximo sábado, día 2. No acto participaron o delegado territorial, Javier Arias; o alcalde do municipio, José Ulla, e o xornalista Xulio Xiz. Tamén contou coa asistencia da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez.
A inauguración celebrarase ás 18.00 horas e este ano o pregoeiro será o arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco Prieto. A Xunta reedita o seu apoio ao Belén, “que transcendeu o ámbito relixioso para converterse tamén nun referente cultural e turístico do Nadal en Galicia”, segundo apuntou o delegado.
O evento está declarado de interese turístico galego e o seu principal atractivo é o belén electrónico con figuras animadas, que pode visitarse ata finais de xaneiro no centro cultural José Domínguez Guizán. Do 23 de decembro ao 7 de xaneiro estará aberto todos os días, de 11 a 13 horas e de 16 a 19 horas. Durante as restantes semanas abrirá sábados, domingos e festivos pola tarde.
Paralelamente, convócanse o XXXIV Certame galego de arte José Domínguez Guizán, e o Certame nacional de poesía sobre o Nadal, o Certame xornalístico Begonte e o Nadal, e o Certame de debuxo infantil sobre o Nadal, que alcanzan xa a súa cuadraxésimo oitava edición.
As obras do certame de arte serán expostas na sala de exposicións da Delegación Territorial da Xunta en Lugo e na Casa da Cultura de Begonte.
Outra iniciativa xurdida ao abeiro do Belén son as esculturas que o artista lucense César Lorenzana está a elaborar con motivos alusivos a este e que se instalarán nas 19 parroquias do municipio. A primeira loce desde hai un ano no núcleo de Begonte, e nos últimos meses tamén se colocaron as de Damil, San Vicente de Pena, Pacios e Saavedra.