O PSdeG acusa a Rueda de castigar a Lugo nos orzamentos de 2026 e anuncia emendas

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
José Ramón Gómez Besteiro critica a falta de investimento en infraestruturas e servizos sociais e cualifica as contas de “vergoña democrática”
Valoración-orzamentos-Xunta-PSOE-Besteiro
25 Oct 2025

O secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado polo secretario provincial, José Tomé, e as responsables de Organización Lara Méndez e Pilar García Porto, acusou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, de “castigar” de novo a Lugo nos Orzamentos de 2026, porque “non gobernan” na provincia e a utilizan “como moeda de cambio”. Besteiro cualificou de “vergoña democrática” que o PP presente uns orzamentos que replican as mesmas partidas do ano pasado e que “nunca executan”.

O líder socialista criticou que Rueda “anuncia moito e cumpre pouco”, deixando á provincia cunha proposta de contas que só serve para titulares, mentres nada cambia na vida da xente. Lembrou as “débedas históricas” con Lugo, como a VAC Costa Norte, a Ronda Leste, o Plan Paradai ou o Museo da Romanización, pendentes de execución desde hai anos.

Segundo o PSdeG, os orzamentos de 2026 continúan sen dar resposta a problemas cruciais da provincia como a vivenda, o transporte interurbano, a sanidade ou a Dependencia, a pesar de que Lugo é unha das provincias con máis poboación maior de Galicia. Os 27 millóns de euros destinados a sanidade, educación e Dependencia son considerados “maquillaxe orzamentaria”, mentres que os 2 millóns previstos para as vivendas Rexurbe constitúen “un insulto á intelixencia”.

Besteiro anunciou que o Grupo Socialista presentará emendas no trámite parlamentario para garantir á provincia o financiamento necesario para atender ás necesidades da cidadanía e paliar a súa “desigualdade estrutural” respecto ao resto das provincias. Recordou que nos dous últimos anos Lugo non recibiu fondos do Fondo Interterritorial para cohesión, cando Galicia obtivo as maiores transferencias da historia desde o Estado.

O secretario provincial, José Tomé, engadiu que a Xunta “sabe que non vai cumprir” as partidas porque é imposible executar obras sen licenza ou sen declaración ambiental. Citou como exemplos a Ronda Leste, o acceso ao Porto Seco de Monforte, o desdobramento do corredor Nadela – Monforte, a VAC Costa Norte e diversas variantes e melloras de seguridade viaria, así como infraestruturas sanitarias paralizadas.

Tomé subliñou que os concellos “non poden facer máis con menos” e criticou que o PP busca titulares mentres o PSdeG busca solucións. “Rueda e Candia poden vivir de anuncios, pero Lugo vive de realidades que non chegan”, rematou.

⚙ Configurar cookies
0.078824996948242