O PSdeG de Abadín critica que o alcalde impedise o debate dunha moción sobre seguridade no colexio público

TerraChaXa
O grupo socialista asegura que o rexedor pechou o turno de palabra antes de tempo nun pleno extraordinario no que se propoñía pedir á Xunta unha pasarela cuberta no CEIP Aquilino Iglesia Alvariño
psoe-abadin
Imaxe do PSOE de Abadín
13 Nov 2025

O Grupo Municipal Socialista de Abadín, a través do seu voceiro Pablo Díaz, denunciou a forma en que se desenvolveu o último pleno extraordinario, no que, segundo explican, non se permitiu o debate dunha moción relativa á seguridade e ao benestar do alumnado do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño.

A iniciativa do PSdeG propoñía instar á Xunta de Galicia á construción dunha pasarela cuberta entre a parada dos autobuses escolares e o patio do centro educativo, co obxectivo de protexer as nenas e nenos das choivas e do frío nos accesos ao colexio.

Segundo o relato dos socialistas, despois da lectura do texto, o alcalde, Xosé María López Rancaño, limitouse a indicar que a cuestión non era competencia municipal e que xa fora remitida ao Consello Escolar, dando a continuación paso directo á votación. Nese momento, sempre segundo o PSdeG, o voceiro Pablo Díaz tentou intervir para matizar e defender a proposta, mais o rexedor interrompeuno e non lle concedeu a palabra.

Díaz considera que esta forma de proceder supón 'pisar a palabra da oposición e converter o pleno nun exercicio de autoritarismo impropio dunha democracia', e lamenta que non se abrira un mínimo espazo de debate. O socialista subliña que a moción 'non buscaba ningún conflito político', senón mellorar a protección do alumnado do único colexio do municipio.

Tras a sesión, o voceiro presentou unha solicitude de información para comprobar se, como indicou o alcalde, o Consello Escolar tramitou xa unha petición á Consellería de Educación sobre esta pasarela. 'Queremos saber se realmente existe ese escrito ou se foi unha resposta errada', apuntou.

O PSdeG-PSOE de Abadín reclama que se respecte o regulamento e o dereito da oposición a exercer a súa función de control e formulación de propostas, e insta o goberno local a garantir que os plenos municipais funcionen como espazos de contraste político e non só como trámites formais.

⚙ Configurar cookies
0.06989598274231