O PSdeG de Abadín frea a proposta do alcalde para cobrar 53 euros diarios ademais da súa pensión

TerraChaXa
A presión socialista obrigou a Xosé María López Rancaño a retirar a iniciativa, cualificada pola secretaria-interventora como un soldo encuberto incompatible coa xubilación
Pleno-Abadin
9 Aug 2025

O Grupo Municipal Socialista de Abadín denunciou no pleno municipal a tentativa do alcalde, Xosé María López Rancaño, de aprobar unha “indemnización diaria” de 53,34 euros brutos por continuar no cargo malia percibir xa a súa pensión.

Grazas á presión exercida polos socialistas, o rexedor viuse obrigado a retirar a proposta no último momento e anunciar que só cobrará as indemnizacións, dietas e kilometraxe recollidas nas bases de execución do orzamento vixente.

O voceiro socialista, Pablo Díaz, cualificou a medida de “dobre salario encuberto, incompatible coa pensión, como xa advertira a secretaria-interventora” e asegurou que “o que pretendía era seguir percibindo a súa pensión e, ademais, pasar a factura aos veciños por cada día no despacho”. Engadiu que, grazas á presión do PSdeG, “esa manobra fracasou”.

O informe da secretaria-interventora foi contundente ao indicar que a proposta non constituía unha verdadeira indemnización por gastos ocasionais, senón unha retribución que implicaría dedicación parcial ou exclusiva, obrigando a cotizar á Seguridade Social e sendo incompatible coa situación de xubilación. Tamén subliñou que a percepción periódica e recorrente destas cantidades non ten encaixe legal e debe considerarse soldo.

No pleno, cando se ía abordar a proposta, o propio López Rancaño retirouna e limitouse a anunciar que se acollerá ás contías xa aprobadas para indemnizacións, dietas e kilometraxe. Díaz advertiu que “seguiremos vixiantes para que non intente reactivar por outra vía o que hoxe se viu obrigado a retirar”.

Este episodio prodúcese nun momento de debilidade do goberno local, tras a renuncia de Tania Rey Eimil, concelleira de Benestar Social do PP, quen tamén deixou a súa dedicación exclusiva e abandonou as súas funcións no executivo.

Na mesma sesión, os socialistas reclamaron explicacións por tres asuntos que inquietan á veciñanza: a falta recorrente de abastecemento de auga nas parroquias de Castromaior e As Goás, que deixa sen servizo numerosas vivendas cada verán; os criterios arbitrarios no desbroce de pistas, poñendo como exemplo que en Moncelos se actuou en tres viais, un deles diante da casa dunha concelleira do PP, mentres outros quedaron sen limpar; e o atraso na adxudicación da praza de conserxe, que debía cubrirse en maio e segue sen resolverse a poucas semanas do inicio do curso escolar.

Díaz concluíu asegurando que “o PSdeG de Abadín vai seguir defendendo aos veciños, freando abusos e obrigando ao goberno local a dar explicacións e rectificar cando se equivoca”.

⚙ Configurar cookies
0.19195413589478