O PSdeG de Abadín propón a construción dunha pasarela cuberta no colexio público

O Grupo Municipal Socialista do Concello de Abadín presentou unha moción dirixida ao alcalde-presidente da corporación municipal na que solicita a construción dunha pasarela cuberta entre a parada de autobuses e o patio do colexio público Aquilino Iglesia Alvariño de Educación Infantil e Primaria. O obxectivo é protexer ao alumnado das inclemencias meteorolóxicas e garantir o seu benestar e saúde.
Na exposición de motivos, o grupo socialista lembra que este é o único centro educativo con alumnado no municipio, "polo que ten unha importancia esencial para a comunidade. O alumnado vese obrigado a desprazarse cada día desde a parada dos autobuses ata o patio do colexio para asistir ás clases, facéndoo a descuberto, mesmo en días de choiva, vento e frío. Segundo recollen, esta situación afecta negativamente á saúde dos nenos e nenas, podendo provocar arrefriados, gripes e outras enfermidades, ademais de incomodidade e perda de rendemento escolar".
O PSdeG considera que a construción da pasarela é unha necesidade "que debería terse atendido hai anos" e insta á Administración local a dar resposta urxente. Aseguran que a medida serviría para protexer ao alumnado das condicións meteorolóxicas adversas e contribuír á súa seguridade e saúde.
A moción propón que o Concello de Abadín solicite formalmente á Consellería de Educación a execución da obra, ofrecendo a colaboración municipal nos termos que se acorden entre ambas administracións. Ademais, o acordo será trasladado á Xunta de Galicia, á dirección do CEIP Aquilino Iglesia Alvariño e á ANPA de pais e nais do alumnado.