O PSdeG de Lugo inicia encontros comarcais para reforzar o contacto co territorio

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O secretario xeral provincial, José Tomé Roca, trasladou á Executiva as demandas da cidadanía e incidiu na protección dos servizos públicos
reunión-Executiva-Provincial-PSdeG-Lugo
8 Oct 2025

A sede do PSdeG acolleu unha nova sesión da Comisión Executiva Provincial, na que o secretario xeral do PSdeG en Lugo, José Tomé Roca, informou aos membros da Executiva sobre os asuntos principais tratados na Comisión Executiva Nacional Galega, que tivo lugar o pasado luns, 6 de outubro, en Ferrol, e compartiu cuestións de interese común para toda a organización socialista.

Durante a xuntanza, abordáronse diferentes problemáticas que afectan á veciñanza da provincia, como o Servizo de Axuda no Fogar, a sanidade, o transporte público ou a situación de diversos centros educativos. Tomé Roca subliñou a necesidade de que o PSdeG “continúe sendo a voz das demandas cidadás fronte á inacción da Xunta de Galicia” e advertiu que “cada vez máis concellos ven ameazados servizos básicos pola falta de planificación do Goberno do Partido Popular despois de dezaseis anos”.

O secretario xeral anunciou tamén o inicio dun calendario de encontros coas agrupacións locais e comarcais de Lugo, co obxectivo de reforzar a coordinación interna e manter un contacto constante co territorio. “Estas reunións permitirán coñecer de primeira man a situación de cada concello, anticiparnos ás necesidades e ofrecer respostas rápidas e eficaces”, explicou, e engadiu que mellorarán a comunicación entre a dirección provincial e as bases, “fortalecendo o traballo conxunto e a unidade do proxecto socialista en Lugo”.

Tomé Roca destacou que “con estas xuntanzas polas comarcas dinamizaremos o labor das agrupacións locais, o que nos permitirá volver gañar as eleccións municipais en 2027 e continuar gobernando coa confianza da maioría da cidadanía provincial”.

Con esta reunión, o PSdeG-PSOE de Lugo reafirma o seu compromiso cun proxecto político activo e participativo, centrado nas preocupacións reais da veciñanza e na defensa de servizos públicos que garantan igualdade de oportunidades en todo o territorio.

⚙ Configurar cookies
0.093666076660156