O PSdeG de Rábade denuncia subas inxustificadas e falta de transparencia no Concello

LugoXa | TerraChaXa
Os socialistas critican a ordenanza con datos ficticios, a xestión opaca das festas de verán e o incumprimento da alcaldesa no minuto de silencio por Gaza
psoe-rabade-candidatura
14 Nov 2025

O Grupo Municipal Socialista de Rábade, a través do seu voceiro Alejandro Martínez Campos, alertou da grave deriva que vive o Concello tras o último pleno ordinario, no que quedou patente a carencia de rigor, transparencia e compromiso por parte do goberno local do Partido Popular.

Os socialistas puxeron de manifesto a aprobación dunha ordenanza baseada en datos inventados, a falta de claridade na xestión económica das festas de verán e o incumprimento da palabra da alcaldesa respecto ao minuto de silencio polo xenocidio de Gaza.

O PSdeG-PSOE votou en contra da modificación da ordenanza de prezos públicos para os servizos culturais e deportivos, que incrementa un 30 % as escolas deportivas infantís e un 50% as de adultos. Os socialistas consideran esta medida “inxustificable e puramente recadatoria”, ao basearse nun informe económico con erros, datos inventados e cálculos sen soporte real.

Segundo explicou o Grupo Municipal, o estudo técnico-económico presentado polo Secretario do Concello “non se sostén de ningún xeito”, ao empregar porcentaxes arbitrarias e imputacións salariais irreais sen relación coa actividade regulada. No documento atribúese ata un 15% do salario do persoal técnico e administrativo como custo directo das escolas deportivas, pese a que estes empregados percibirían o mesmo soldo independentemente das actividades.

Outro exemplo é a asignación de 13.346€ á coordinación de deportes, limpeza e vixilancia do pavillón municipal, o que supón o 80% do custo total do servizo, como se ese gasto fose exclusivamente das escolas deportivas. “O pavillón existe pola súa propia función, non polas escolas. Ademais, as actividades con máis participación son as de adultos, ningunha no pavillón. Engaden 13.000 euros por un lado e 10.000 por outro, sumando máis de 23.000 euros en gastos inventados para xustificar a suba”, denunciou Martínez.

“Non saben cantos monitores hai, nin cantos cobran, nin cal é o custo real. A alcaldesa e o secretario recoñeceron que os datos son ‘aproximados’, pero iso demostra que non hai control nin información. En que se basea esta ordenanza?”, engadiu o voceiro, calificando o documento de “sen rigor técnico nin económico”.

“O PP sube as taxas porque quere. Non hai outro motivo. Se nós tivésemos o bastón de mando, as actividades infantís serían gratuítas, porque cultura e deporte son servizos públicos, non un medio para recadar das familias”, concluíu.

OUTROS TEMAS

Os socialistas tamén criticaron a falta de transparencia na xestión das festas de verán, xa que a alcaldesa asegurou que o custo foi “sobre 30.000 euros” sen detallar a cifra exacta nin o destino dos gastos. “A recadación quedou en apenas 6.150 euros en ingresos directos e 950 en achegas, moi inferior aos máis de 12.000 recadados en anteriores edicións cos gobernos socialistas”, engadiron.

Martínez subliñou que “din que non hai cartos para manter as tarifas culturais, pero sí para gastar 5.000 euros nun documental de mentira, ‘Camiños de auga e ferro’. É un derroche. Soben prezos nos servizos básicos e dilapidan cartos públicos en proxectos de auto-bombo”.

Para o PSdeG-PSOE, estas actuacións evidencian a mala xestión que levou á intervención das contas municipais. Neste pleno, o goberno local mantivo unha ambigüidade sobre a intervención de Facenda, confirmando, segundo os socialistas, que Rábade continúa baixo control por mala xestión.

O grupo socialista volveu denunciar que a alcaldesa non cumpriu a súa promesa de organizar un minuto de silencio en solidariedade co pobo palestino, compromiso adquirido no pleno de setembro. Neste pleno, a rexedora recoñeceu que se realizou “a porta pechada”, sen invitar ao PSdeG-PSOE, alegando que xa se falara do tema na prensa. Para os socialistas, esta actitude é “inxustificable e profundamente irrespectuosa”.

O PSdeG-PSOE conclúe que Rábade está gobernada pola improvisación e a falta de proxecto político. As subas inxustificadas, a opacidade económica e o incumprimento de compromisos mostran un executivo “sen rumbo, centrado en tapar erros máis que en mellorar a vida da veciñanza”.

“O PP leva dous anos demostrando que non sabe xestionar, nin administrar recursos, nin respectar compromisos. Rábade necesita un goberno serio, transparente e con sensibilidade social, non un executivo que recada das familias mentres oculta actos institucionais”, sentenciou Alejandro Martínez.

⚙ Configurar cookies
0.070673942565918