O PSdeG denuncia a falta de brigada contra incendios en Abadín e acusa o PP de improvisación

TerraChaXa
Os socialistas critican que o municipio afronte o verán máis crítico sen medios de prevención nin limpeza de montes, e reclaman unha planificación estable durante todo o ano
equipo-psoe-abadin
20 Aug 2025

O Grupo Municipal Socialista de Abadín, a través do seu voceiro Pablo Díaz, denunciou a grave situación na que se atopa o municipio en plena vaga de lumes debido á ausencia de previsión e planificación do goberno local do Partido Popular.

Segundo explican, a cuadrilla contra incendios constituíuse a mediados de agosto, cando a temporada de maior risco xa estaba avanzada, e apenas tres días despois quedou inoperativa pola renuncia de dous integrantes. Isto implica, advirten, que Abadín afronta o verán sen brigada municipal de prevención, vixilancia e extinción, deixando veciñanza e territorio desprotexidos nun momento de máxima vulnerabilidade.

Díaz sostén que esta situación “é unha mostra evidente da incapacidade do goberno municipal para xestionar un problema tan grave como os incendios forestais”, e engade que a renuncia dos efectivos non é responsabilidade individual senón dunha forma de gobernar marcada pola improvisación e a falta de estrutura. “Non se pode constituír unha cuadrilla en agosto cando xa levamos semanas con lumes en todo o país. Isto é actuar tarde, mal e arrastro”, reprochou.

Os socialistas alertan tamén da precariedade laboral que dificulta atopar persoal, xa que os contratos son de curta duración e con alta esixencia física. Neste sentido, Díaz reclamou a creación dunha brigada estable e permanente que traballe durante todo o ano en tarefas de limpeza, desbroce e mantemento do monte, especialmente nas pistas e camiños das aldeas. “O primeiro paso para evitar un incendio é ter o monte limpo, e iso só se consegue cunha planificación seria ao longo dos doce meses”, subliñou.

Outra das críticas céntrase en que Abadín segue sen adherirse ao plan de xestión das franxas secundarias de biomasa, unha ferramenta legal para garantir a protección de vivendas e núcleos de poboación en zonas de risco. Lembran que concellos da contorna como Cospeito, Mondoñedo, A Pastoriza ou Vilalba xa forman parte deste programa, mentres que Abadín continúa á marxe.

No último pleno extraordinario, solicitado polo grupo socialista para abordar o desbroce das pistas municipais, o PP rexeitou a proposta, algo que, segundo Díaz, evidencia que “a prevención dos incendios non é unha prioridade para o goberno local”.

O PSdeG de Abadín considera que a situación actual “roza o desastre” e reclama responsabilidades políticas e institucionais. Díaz conclúe esixindo ao executivo local que deixe de actuar tarde e mal e que poña en marcha unha política seria, planificada e estable de prevención, porque “non se pode xogar coa seguridade da veciñanza nin co futuro do monte”.

⚙ Configurar cookies
0.16680502891541