O PSdeG reclamará á Xunta que consensúe o protocolo de inicio do curso

TerraChaXa
O PSdeG reclamará á Xunta dende os concellos que se reúna cos representantes do profesorado e das familias do alumnado ao obxecto de acadar un protocolo de inicio de curso “consensuado” e “coas máximas garantías posibles” para afrontar o período lectivo adecuando os centros á nova situación e garantindo as medidas de protección necesarias fronte á covid-19.
Escola 1200x675 1 e1597315575166
16 Ago 2020

O PSdeG reclamará á Xunta dende os concellos que se reúna cos representantes do profesorado e das familias do alumnado ao obxecto de acadar un protocolo de inicio de curso “consensuado” e “coas máximas garantías posibles” para afrontar o período lectivo adecuando os centros á nova situación e garantindo as medidas de protección necesarias fronte á covid-19.

Despois de que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, instara ao goberno galego a “exercer as súas competencias” en materia educativa e “consensuar” o protocolo covid para a volta ás aulas, os socialistas levarán unha moción a todos os concellos de Galicia para demandar ese acordo.

No texto da moción, o PSdeG defende tamén que se dote aos centros escolares do profesorado e do persoal “suficiente” para asegurar unha correcta actividade educativa, así como “garantir o funcionamento do transporte e dos comedores escolares” nos mesmos termos nos que se viña facendo.

Así mesmo, os socialistas demandarán á Xunta que defina, de acordo coa Fegamp, os recursos necesarios para o desenvolvemento do curso escolar; ao tempo que se xere “unha dinámica de colaboración estable para este cometido” coa entidade que aglutina aos concellos “mentres dure esta situación extraordinaria”.

Ademais, no eido económico, a moción formulada polo PSdeG demanda á Xunta que habilite “os fondos extraordinarios necesarios” para que os incrementos de custes que teñen que asumir centros, anpas e concellos como consecuencia das medidas dese protocolo sexan asumidos pola administración autonómica.

Do mesmo xeito, os e as socialistas instarán á Xunta dende os distintos concellos a “negociar de maneira transparente con todos os sectores implicados” o reparto dos fondos extraordinarios enviados ás comunidades por parte do goberno de España para o eido educativo.

0.14595794677734