O PSOE acusa ao alcalde de Barreiros de negarse a debater unha proposta no pleno sobre o machismo
Segundo inforaron representantes do PSOE no concello de Barreiros, o alcalde negouse a debater unha proposta no Pleno Ordinario para combater o "terrorismo machista". Trátase da iniciativa presentada pola voceira do PSOE, Carmen Veiga, que foi denegada polo rexedor popular “porque, segundo el, non atinxe ao Concello de Barreiros”.
A socialista explicou que a moción recollía manifestar a repulsa a todas as manifestacións de violencia de xénero, expresar o rexeitamento a calquera posicionamento político e acordo que propugne a eliminación das medidas de protección das mulleres, así como reforzar, poñer en valor e aplicar as medidas agrupadas no Pacto de Estado en materia de violencia de xénero.
Carmen Veiga criticou a postura do alcalde, apuntando que “non entendo esta decisión do equipo de goberno cando en todos os plenos gardamos 1 minuto de silencio polas vítimas da lacra da violencia machista. Agora, que temos a oportunidade de demostrar que estamos todos xuntos en contra da violencia de xénero, e na actual situación que estamos vivindo, onde forzas políticas propoñen renunciar e acabar con todo o traballo feito neste eido a través de medidas irresponsables, o PP de Barreiros decide non tocar este tema tan serio porque consideran que non incumbe aos nosos veciños”.
“Dende o PSOE agardamos unha rectificación xa e que se poida debater esta iniciativa no pleno da corporación, pois do contrario o señor Fuente Parga e o Partido Popular serán cómplices do mandato e das ideas de partidos que non defenden os dereitos das mulleres. Non podemos dar nin un paso atrás”din os socialistas.