O PSOE acusa ao alcalde de Vilalba de incumprir o acordo de adxudicación da piscina
O Grupo Municipal Socialista denuncia o incumprimento dun acordo plenario no que atinxe á ádxudicación do contrato de xestión da piscina municipal. O equipo de goberno viña de aceptar no pleno celebrado a comezos do mes de agosto unha proposta socialista de modificación dos pregos de contratación para que os días festivos estas instalacións permaneceran abertas. Porén, no contrato non se recolle esta condición, afirmando que a piscina municipal permanecerá pechada os días festivos.
Para os socialistas trátase “dunha licitación irregular por ter ignorado un acordo plenario”, aseguran, incidindo en que “foi a única condición que puxemos sobre a mesa nun debate certamente pechado sobre o modelo de xestión, por entender que conformaba unha mellora para as usuarias e usuarios da piscina”. Neste senso, critican que “o señor Baamonde aceptara a nosa petición para, acto seguido, facer caso omiso e outorgar o contrato a unha empresa que elaborou o seu orzamento e modelo organizativo en base a unhas condicións que non están aprobadas polo pleno”.
Desde o PSOE sinalan ao alcalde como “máximo responsable”, e destacan que “non foi capaz de dar información sobre este asunto na última comisión, e tampouco nos días seguintes, polo que pedimos que se tomen medidas para adecuarse a este acordo”. Mais non só fixeron crítica deste incumprimento, pois lembraron que “o goberno do PP destinou máis de 10.000 euros para que asesores externos redactaran os pregos de contratación, levárono a pleno para a súa aprobación, aceptaron a proposta socialista, e acabaron facendo o que consideraron, cunha
total deixadez de funcións e irresponsabilidade”, rematan.