O PSOE alerta da modificación na cesión do antigo colexio de Baamonde

TerraChaXa
Luis Álvarez considera “kafkiana” esta “fuxida cara adiante” logo de baleirar o CEIP de estudantes, que foron trasladados ao Virxe do Corpiño
colexio baamonde camino santiago
13 Nov 2021

O portavoz de Educación do Grupo Socialista, Luis Álvarez, alertou no Parlamento de que a Xunta e o Concello de Begonte van dedicar parcialmente o antigo CEIP de Baamonde á Escola de Música Crisanto, no lugar de destinar o inmoble completo a un Conservatorio Municipal de Música. Álvarez presentou unha proposta parlamentaria para que o Concello remita “de xeito inmediato” o proxecto e planificación de usos do inmoble, que foi rexeitada polo PP.

Álvarez cualificou de “kafkiana” a traxectoria do Concello e da Consellería de Educación, que comezaron por suprimir o CEIP este curso por sorpresa, trasladando aos alumnos ao Virxe do Corpiño coa escusa de facer un Conservatorio. Finalmente, tal e como sinalou o propio alcalde durante a sinatura, no día de onte, dun protocolo coa Xunta, o obxectivo é “dedicar parte das instalacións do antigo colexio á Escola de Música Crisanto”.

O responsable socialista apuntou que “vai sendo hora de poñer un pouco de sentido común e transparencia nesta fuxida cada adiante, que se iniciou coa decisión unilateral do alcalde, sen o acordo nin o compromiso inicial da Consellería –como admitiu o conselleiro no Pleno do Parlamento-”. Reclamoulle ao Concello que “presente un plan de usos serio” para clarificar a situación do inmoble, agora pechado e sen actividade agás unha hora semanal de taekwondo.

Advertiu de que o dito protocolo, que o alcalde admitía onte mesmo que non era máis que “un compromiso de intencións”, apunta a que “a solución non vai ser nin para o mes nin para o ano que ven, mesmo nin para o primeiro quinquenio desta década”.

Situación absurda

O parlamentario socialista confesou sentir “estupor” diante da situación “absurda” na que teñen situado ao Concello, cunha parroquia á que lle “sacaron toda actividade educativa”, suprimindo un CEIP co argumento rocambolesco de “manter vivo ao Concello de Begonte”, como dixo en Comisión o portavoz do PP. Álvarez puntualizou que a súa idea de manter viva a parroquia pasaba precisamente por mantela en “coma inducido durante anos”, quitándolle o centro.

Cuestionou que o goberno finalmente leve a bo porto a idea orixinal do alcalde, que pretendía converter á Escola de Música nun Conservatorio, así como facer unha serie de obras no edificio para permitir a instalación do Conservatorio e mesmo facer un novo auditorio, todo iso logo de desafectar o colexio de Baamonde da súa función educativa.

0.18759608268738